O IV Congreso Internacional de Mediación Lectora do Salón terá lugar as tardes do 10, 17 e 24 de marzo no Pazo da Cultura e contará con figuras como Xose Cobas, Concha Pasamar, Txabi Arnal, Paula Carballeira ou Enma Pedreira entre outras

13


O evento organizado en colaboración coa Universidades de Vigo recupera a presencialidade e oferta desde hoxe mesmo 120 prazas con inscrición de balde na web www.salondolibro.gal

O mundo da ilustración, a escrita ou as novas tecnoloxías formarán parte dun completo programa que contará tamén con palestras e proxectos da cultura convidada Euskal Herria


Logo da suspensión en 2020 e a edición virtual de 2021, o Congreso Internacional de Mediación Lectora deste ano 2022 vaise desenvolver de forma presencial no Pazo de Cultura dentro do marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. En concreto, desenvolverase ao longo das tardes dos xoves 10, 17 e 24 de marzo no Salón de Actos.

Nesta súa cuarta edición, o Congreso está encabezado polo suxestivo e animoso título de “Con moita arte!”. A pesar de que a lectura literaria continúa a ser o seu epicentro, buscamos establecer conexións con outras manifestacións creativas, co propósito de incidir na idea de que as diferentes mostras artísticas e culturais configuran un mosaico asentado en múltiples pezas diversas, pero á vez complementarias. Aí está a riqueza e as numerosas posibilidades que se xeran desta relación interdialoxística establecida polas diversas expresións artísticas, entre as que a literatura infantil e xuvenil ten un papel principal. Así o testemuñan as súas débedas co repertorio da tradición oral, o seu vínculo co ámbito da ilustración ou as súas potencialidades para iniciar as crianzas na lectura literaria e acollelas con propostas sumamente pracenteiras, que non se esquecen da educación estética.

Este evento ao redor da lectura promovido polo Concello de Pontevedra, que conta coa colaboración de entidades da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela, ofertará na súa edición Con moita arte! un total de 120 prazas destinadas a persoal docente, estudantes, mediadores ou calquera interesado/a que formalices a inscrición de balde mediante o formulario xa activo na web www.salondolibro.gal antes do 7 de marzo.

Xosé Cobas, ilustrador homenaxeado na XXIII edición do Salón, será o encargado de abrir a primeira sesión para ofrecernos unha memoria da súa traxectoria creativa tan aplaudida por numerosos recoñecementos e iniciada no ámbito da pintura, pero moi anoada á produción literaria para as primeiras idades. A este nome maiúsculo da ilustración galega, nos tres días de Congreso seguiranlle unha serie de participacións que buscarán mostrar esa visión caleidoscópica que proxecta o universo das artes. A polifacética Paula Carballeira debullará ese camiño creativo que transita da oralidade á escrita, mentres que o biscaíño Txabi Arnal (escritor e docente) profundará no binomio “crer e crear” desde a literatura infantil e a pamplonesa Concha Pasamar (escritora e ilustradora) aludirá á relación bidireccional que se dá entre a escrita e a ilustración. A ilustración será tamén o eixo da intervención da mestra e crítica literaria, María Xesús Fernández, quen se deterá nas narrativas que se contan desde as imaxes dos álbums silentes.

Ao estarmos ante un congreso de mediación lectora, é de obriga reparar nas prácticas, estratexias, recursos que orientan e guían as persoas que median entre a lectura e a infancia ou xuventude, como son os seus proxenitores, docentes, persoal de bibliotecas… No exercicio da mediación fixaranse con máis detalle a música e ilustradora Laura Romero, que nos motivará a deixar as lecturas planas e nos conducirá cara a dez maneiras creativas de ollar un libro. Así mesmo, as docentes Ángeles e María Isabel Abelleira abordarán a “arte de ler” tan necesaria nunha sociedade sobreestimulada e absorbida polo inmediato, o que nos impide esa lectura comprensiva, reflexiva e gozosa. Pola súa banda, a escritora Emma Pedreira, en “Os libros que hai en nós”, viaxará cunha maleta chea de obxectos cos que contar historias e libros que non son propiamente libros para espertar a fame da lectura.

Non obstante, tamén somos conscientes de que os soportes máis tradicionais do libro han de convivir con aqueles vinculados coas novas tecnoloxías, pois non debemos de esquecer que temos antes nós un neolector, que ha de recibir unha formación enfocada desde a polialfabetización para así ser quen de afrontar a interpretación de diferentes códigos hibridados entre si. Isto xustifica a intervención de Galo Martínez e Rubén Carrerizo do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI), que nos axudarán a interpretar a narrativa nos videoxogos, así como de Paola Guimeráns, quen achegará un conxunto de estratexias didácticas innovadoras para fomentar as competencias STEAM e mellorar as capacidades comunicativas, expresivas e creativas da nenez e xuventude.

Estas intervencións estarán complementadas por experiencias verdadeiramente atractivas, que xiran ao redor da creación e da educación interdisciplinar. Trátase de “Zumaiena, o gozo pola lectura”, que darán a coñecer Edurne Aizpurua, Rakel Benítez e Isaak Aranberri e nos permitirá descubrir unha proposta pedagóxica anexada á contorna e á reflexión desde a que fomentar procesos de cambio social. Outra das propostas será compartida polos artistas e docentes Vicente

Blanco e Salvador Cidrás, que nos convidarán a debuxar o mundo, a partir de moitas das experiencias promovidas desde o grupo de innovación educativa “Escola Imaxinada” ou a súa publicación Debuxar o mundo: xogar, crear, compartir (Editorial Galaxia), que foi recoñecida co premio Marta Mata de Pedagoxía (2020).

É este un encontro que sitúa a lectura literaria nun diálogo aberto e útil con outras expresións, desde o que son apeladas todas esas persoas mediadoras preocupadas por formar desde unha perspectiva plural, estética, crítica, creativa e prancenteira esa infancia e xuventude que, por veces, se arredan do camiño da lectura. De seguro que serán tres días de Congreso, nos que o coñecemento, a experiencia, a reflexión, a participación… nos empurrarán a iniciar novos sendeiros lectores desde os que potenciar a identidade cultural, a integración de diferentes linguaxes artísticas, a valoración da arte, a crítica propositiva e esa imaxinación tan necesaria para superar os retos cotiáns.

Agardámosvos neste encontro guiado por esa arte que nos posibilita interpretar o real ou reflectir o imaxinado!