A I Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico de Pontevedra acada un rotundo éxito ao recibir a visita dunhas 10.000 persoas e vender 6.000 doces e 2.500 kilos de pan

64

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asegura que “a primeira edición da Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico de Pontevedra foi un éxito tan rotundo que xa podemos dar por feito que a repetiremos en 2023”. Segundo sinala a edil socialista, o evento celebrado durante toda a pasada fin de semana “recibiu a visita dunhas 10.000 persoas e vendeu arredor de 2.500 kilogramos de pan e uns 6.000 doces, entre filloas, orellas, galletas e outras delicias”.


Un magnífico resultado que tamén se reflicte na enquisa de satisfacción completada polas decena de firmas participantes na feira, con notas medias de sobresaínte nos seguintes conceptos: satisfacción co resultado económico da súa presenza no evento (> 9), organización (> 9,5) e instalacións (> 9,5). “Á pregunta de se volverían participar -subliña Yoya Blanco- houbo un ‘si’ unánime, o que non nos deixa máis opción que a de darlle continuidade a esta iniciativa cunha segunda edición”.


Esta I Feira das Reposterías e Panaderías contou coa presenza de stands de Panaderías Acuña, Stromboli, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado e Anxemí Panadería e Pastelería Artesá (así como cun posto específico da iniciativa Capital Gastro Lab).


A cita gastronómica enmárcase dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro e permitirá incrementar o currículo co que a cidade aspira a obter o título de Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023.