Pontevedra volverá saír ás rúas na conmemoración deste 8M para reivindicar con máis forza que nunca: ‘Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres’

580
  • O calendario de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade polo Día da Muller inclúe unha potente campaña gráfica, un mural de 40 metros cadrados, faladoiros feministas e a lectura dun manifesto a cargo da xornalista María Varela
  • O programa, presentado esta mañá no Concello, tamén contempla unha iniciativa de actividades para mulleres do rural, o acto de entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo, un monólogo teatral e o proxecto de visibilización Mulleres da Vila

Pontevedra volverá saír ás rúas para conmemorar este 8M, Día Internacional da Muller, e reivindicar con máis forza que nunca o protagonismo da loita feminista na nosa sociedade. Baixo o contundente lema de ‘Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres’, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra deseñaron un intenso calendario de actividades que inclúen unha potente campaña gráfica conmemorativa creada pola ilustradora e artista mural Nana, un mural de 40 metros cadrados, o despregue dunha pancarta no balcón do Consistorio, a lectura dun manifesto a cargo da xornalista María Varela, uns faladoiros feministas, unha iniciativa para mulleres das parroquias do rural, o acto de entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo, o monólogo teatral ‘A síndrome de Lis’ e o proxecto de visibilización Mulleres da Vila.

Un programa que continuará a desenvolverse máis aló do mes de marzo, ao longo de abril e maio, con contacontos, obradoiros e charlas formativas pensadas para diferentes idades nos centros educativos do municipio. A campaña do 8M foi presentada esta mañá no Concello pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, a xerente de Culebra Studio, Cecilia Paredes, e a propia Nana, formada na EASD Pablo Picasso e que acumula unha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, exhibicións e eventos tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art, San Fest, Derrubando Muros con Pintura, Violencia Zero, Elas Tamén Pintan, Vigo Ciudad de Color ou Loures Arte Pública, cun estilo colorista e orgánico que fai que a súa obra claramente feminista sexa persoal e inconfundible.

Tal e como sinalou Yoya Blanco, “a peza central co lema da campaña creada por Nana protagonizará un mural de 40 metros cadrados que exhibirá a rúa Eduardo Pondal e co que pretendemos seguir na liña de imaxes potentes e impactantes coas que esta Concellería pretende salientar a loita pasada e presente das mulleres pola igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades”. “A execución desta enorme pintura mural levarase a cabo entre os días 4 e 7 de marzo. A intervención consistirá nunha reprodución a grande escala da principal peza gráfica do 8M, nun espazo de 10 metros por 4, realizado por Nana en colaboración con Culebra Studio”, explicou a edil do PSOE.

O programa conmemorativo arrinca este xoves 3 de marzo co inicio do programa Somos Quen 2022, que levaba sen facerse desde 2019 por mor da pandemia e que, a través das asociacións de mulleres e demais tecido asociativo do rural, ofertará diversas actividades para mulleres das parroquias entre os meses de marzo e xullo. As accións centraranse en tres grandes bloques: Actualízate (Dispositivos dixitais, Márketing online, Oratoria e Activismo feminista), Creatividade (Cestaría, Arteterapia e Fotografía e Comunicación visual) e Saúde e Benestar (Botica natural e benestar, Estimulación cognitiva e psicomotriz, Risoterapia, Bailoterapia, Ioga, Pilates, Automasaxe relaxante, Alimentación e nutrición saudable). O prazo de presentación de solicitudes para participar nas mesmas estará aberto ata o día 15 de marzo.

O venres 4 de marzo terá lugar no Salón de Actos do Pazo Provincial, entre as 11:30 e as 13:00 horas, o acto de entrega do Premios Ernestina Otero Sestelo para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos de Pontevedra no ano 2021. Nesta convocatoria participan centros de ensino non universitario do concello, desde Educación Infantil a Bacharelato e Formación Profesional, en dúas categorías, e repartiranse catro premios por un importe total de 2800 euros, que deberán destinarse ao desenvolvemento de proxectos ou actividades relacionadas coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes no curso seguinte. O acto pecharase cunha actuación da narradora oral e contadora de contos e historias Vero Rilo.

O luns 7 de marzo, a xornalista María Varela, autora do manifesto reivindicativo deste 8M, procederá na Sala de Prensa do Concello, ás 12:00 horas, á lectura desta declaración institucional. Acto seguido, ás 12:15 horas, levarase a cabo o despregue da pancarta no balcón da Casa Consistorial, que irá seguida do reparto de cartelería e paraugas conmemorativos entre institucións, edificios administrativos e centros educativos da cidade e de lonas nas parroquias do rural.

Dentro deste atractivo programa de actividades tamén haberá un destacado espazo para a reflexión a través duns Faladoiros Feministas organizados en colaboración coa Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra que se celebrarán na Casa das Campás os mércores 9, 16 e 23 de marzo en horario de 19:00 a 20:30 horas. “Serán tres conversas sobre mulleres, igualdade, axenda feminista, retos, saúde, literatura e violencias que terei a honra de presentar e que poderán seguirse de xeito presencial ata completar aforo e tamén en streaming a través da páxina web de Igualdade e das redes sociais do Concello. Para os que queiran asistir en persoa, recoméndase reservar praza”, precisou Yoya Blanco.

Lola Varela e Belén Rubido de la Torre protagonizarán o 9 de marzo o primeiro dos Faladoiros cunha conversa sobre os retos pendentes do feminismo nos ámbitos educativo e xurídico, mentres que as convidadas no que se celebrará o 16 de marzo serán Lola Ferreiro e a representante da asociación ‘QuerEndo, Mulleres con Endometriose’ Verónica Ramilo, que falarán da aplicación da perspectiva de xénero na sanidade. O ciclo de charlas pecharase o 23 de marzo cun faladoiro literario no que María Xosé Porteiro e Sara Vila tratarán sobre literatura, xornalismo e violencias machistas, tendo como referencia as súas obras ‘Cobardes’ e ‘Oito días sen Eva Cortes’. As dúas primeiras conversas estarán moderadas pola directora do CIM, Rosa Campos, e a última por Mercedes Renda.

A concelleira Yoya Blanco inaugurará o xoves 10 de marzo cun paseo polos escaparates dos negocios participantes a mostra fotográfica do proxecto Mulleres da Vila, coordinado pola artista visual Patricia Maquieira e co que se busca visibilizar e homenaxear o traballo de 15 mulleres emprendedoras que dirixen un establecemento en Pontevedra. Segundo sinala a edil socialista, “a través das fotografías expostas nos seus escaparates e dun vídeo no que elas mesmas contarán as súas historias e que será difundido a través das redes sociais preténdese incidir na coraxe, valentía, vontade, carisma e entrega que están detrás dun labor sen o cal as nosas rúas non terían vida, cor e alegría”.

Pechará o calendario de actividades do mes de marzo o día 31 un pase do monólogo teatral ‘A síndrome de Lis’, escrito e dirixido por Diana López Varela e interpretado por Rocío Barrio, que acollerá a Sala Karma ás 20:00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido a público adolescente (+14) e adulto, cunha duración duns 70 minutos, no que, en clave de comedia, a protagonista fará un repaso á súa vida e ós seus éxitos e fracasos, coa autoestima como fío condutor (e destrutor). Os trastornos de ansiedade e a depresión, a síndrome da impostora, o acoso sexual e a proxección dunha falsa imaxe nas redes son temas que conflúen nesta peza.

A programación completarase con diversas actividades que se desenvolverán nos centros educativos a partir do 15 de marzo e ao longo dos meses de abril e maio, deseñadas en función das idades ás que van dirixidas para traballar temáticas como a formación en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, a mellora da propia estima, a autonomía de criterio e o pensamento crítico, a identificación das relacións afectivas desde o respecto e a equidade, a prevención da violencia de xénero a través das redes sociais, a educación sexo-afectiva saudable e positiva, a creación de contidos plurais, diversos e igualitarios en redes ou a prevención das violencias sexuais.

As accións proxectadas son as seguintes:

  • Contacontos ‘Somos Iguais. Contos pola Igualdade’, para Educación Infantil.
  • Obradoiros ‘Libres de estereotipos’ e ‘Machismo Game Over’, para Educación Primaria.
  • Obradoiros ‘Hackeando o machismo a golpe de likes’ e ‘Igualdade nos tempos de TikTok’, para Educación Secundaria.
  • Obradoiros ‘Non é non’ e ‘O buzón vermello’, para Bacharelato e Formación Profesional.
  • Charlas formativas sobre detección e prevención das violencias machistas para profesorado e alumnado de 4º da ESO e Formación Profesional Básica. 

Mulleres fortes, formando unha cadea humana e loitando xuntas

A creadora da imaxe central da campaña explicou que “para este cartel xa tiña unha idea do que querían no CIM e no Concello: unhas mulleres fortes, que fixeran como unha cadea humana, agarradas, soportándose unha ás outras e loitando xuntas”. Segundo apuntou Nana, para esta peza quixo fuxir da habitual representación de mulleres mozas e optou por “mulleres un pouco máis diversas e de distintas idades”.

Pola súa banda, Mercedes Renda subliñou que as atencións realizadas polo CIM xa se sitúan agora mesmo en “cifras prepandemia, de 2019”, con “moitísimas consultas de atención psicolóxica, basicamente centradas en vítimas de violencia, e tamén asesorías xurídicas e moitas informacións sobre recursos”. 

“Estamos tamén a facer orientación laboral -indicou a axente de Igualdade do CIM-, que no 2020 practicamente non se fixera e no 2021 xa volveu a haber moita demanda de información de recursos para a busca de emprego, formación para o emprego e inserción laboral”.

Renda precisou que a maioría das atencións realizadas durante o pasado ano e neste inicio de 2022 correspóndense con perfís do máis variado, “desde mulleres desempregadas ou en situación socioeconómica de estrema vulnerabilidade a mulleres cuxa situación socioeconómica é boa ou moi boa”, con problemas que poden xurdir no marco da parella ou ben fóra dela, como son os casos da violencia e o acoso sexual, “desde os 16 ou 17 anos ata máis de 80”. 

“Denunciar resulta sempre moi complicado. Hai un repunte de violencia nas idades máis temperás, pero non é máis da que había hai 10 ou 20 anos. O que existe -asegurou Mercedes Renda- é unha maior conciencia e, en consecuencia, denúnciase máis e os casos fanse máis públicos. Búscanse máis recursos e información por parte da xente máis nova e hai un apoio familiar e do contorno que antes non había… O caso da terceira idade é especialmente sangrante, porque moitas veces esas señoras que levan décadas soportando unha situación de violencia fáltalles o apoio máis fundamental que é o da súa familia, que algunhas veces mesmo pretenden que sigan aguantando un pouco máis”.