A concelleira Yoya Blanco clausura mañá os Talleres de Informática Básica e Uso de Instragram de Forma Profesional impartidos pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas (Ape)

14

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, clausurará mañá ás 20:00 horas na sede da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (Ape Galicia) en Pontevedra, na rúa Gagos de Mendoza, os Talleres de Informática Básica e Uso de Instagram de Forma Profesional desenvolvidos polo colectivo en colaboración co Concello. Entre os obxectivos destes obradoiros estaban os de mellorar o proceso de dixitalización dos autónomos e pemes participantes, abordando cuestións necesarias para realizar actividades diarias como empregar un procesador de texto, unha folla de Excel ou enviar emails; elaborar facturas electrónicas; enviar documentos escaneados; deseñar os seus propios flyers ofrecendo os seus servizos…


Tal e como explica Yoya Blanco, “noutros talleres desenvolvidos por Ape Galicia centrados en márketing dixital, xestión de RRSS para pemes, programas de facturación e contabilidade… Observouse que hai unha parte moi importante do colectivo de traballadores por conta propia que require formación básica, xa que non posúen os coñecementos necesarios para cuestións sinxelas que poderían mellorar de xeito ostensible o funcionamento dos seus negocios”. 


Así, os cursos ían dirixidos a autónomos ou persoal de pemes do concello de Pontevedra que non tivesen contacto cun PC ou que contasen con pouca experiencia en informática e desexasen obter coñecementos xerais para aplicar nos seus negocios. Os tres talleres impulsados por Ape tiveron unha duración global de 64 horas, sendo os dous de Informática Básica para un máximo de 10 asistentes e o de Instagram para un máximo de 15.