Pontevedra consolida as cifras de reciclaxe en 2021 e prepara a “revolución ambiental” do novo contrato de xestión de residuos

14

A pesar da crise da Covid e dos efectos no comercio local, Pontevedra mantén as cifras de reciclaxe de 2020 por riba das mil toneladas/ano en papel/cartón, envases e vidro.

O tratamento de materia orgánica a través dos colectores marróns ofrece os primeiros datos dun ano completo de xestión, achegándose, tamén, ás 1.000 toneladas/ano. A aposta pola compostaxe confirma unha reducción sostida no tempo das entregas do Concello a Sogama.

Estas cifras son un bo punto de partida para a posta en marcha do novo contrato de xestión destes recursos municipais que se baseará en obxectivos ambientais, entre eles, reciclar o 60% dos residuos en 2030, seguindo as directrices da UE. 

A Concellaría de xestión dos residuos municipais que dirixe o concelleiro Raimundo González Carballo vén de recibir os últimos datos do sistema de reciclaxe do concello durante o 2021. A pesar da crise da Covid e da crise de consumo derivada dela, Pontevedra seguiu mantendo os seus niveis de reciclaxe en todas as fraccións: papel/cartón (colector azul), vidro (iglú verde) e envases (colector/iglú amarelo), superando en todos os casos as mil toneladas de reciclaxe ao ano.

Este bo comportamento tamén o tivo a fracción húmida, en concreto a compostaxe a través do colector marrón, que vai incrementando mes a mes, ao tempo que se van reducindo os envíos do colector verde (resto) á Sogama.

Os datos de reciclaxe son un bo punto de partida para a posta en marcha do vindeiro contrato de xestión dos residuos municipais no que traballa o Goberno Local, cuxa licitación comezará nas vindeiras semanas. O traballo realizado até o de agora e a implementación do novo sistema reforza a aposta ambiental da Pontevedra. Raimundo González recorda que “só pode facerse grazas á participación activa e concienciada dos veciños e veciñas de Pontevedra”.

Ao respecto das fraccións de reciclaxe en colector ou en iglú, os datos de 2021 revelan un lixeiro descenso ao respecto da recuperación do papel e do cartón, situándose en 1.525 toneladas, é dicir, arredor de 300 toneladas menos que en 2020, pero segue sendo a segunda cifra máis elevada de reciclaxe de papel e cartón no concello dende que hai rexistros. O servizo atribúe o descenso ás visicitudes do comercio local durante o pasado ano, xa que a principal baixada fíxase na recollida porta a porta dos establecementos.

Os datos do iglú verde, onde se depositan os vidros, manteñen o ratio de reciclaxe no pasado ano e están por riba das mil toneladas de depósitos; e o colector amarelo, de envases, superou en 21 toneladas a cifra de 2020 situándose en 1.178. 

Fraccións de reciclaxe

Papel/carton (kg)Vidro (kg)Envases (kg)
20111.127.490823.760596.150
20121.005.270809.280594.100
2013885.710877.650599.820
2014967.910798.950617.240
2015883.920826.200618.715
2016822.610840.100643.036
2017786.110842.330665.080
2018920.030940.000768.200
20191.409.1691.080.4101.021.020
20201.818.2301.165.3401.157.580
20211.525.3671.162.1801.178.360

O colector verde onde se deposita a fracción “resto” tamén tivo un bo comportamento xa que se van reducindo os envíos a Sogama derivados da implantación da compostaxe en todo o territorio: compostaxe comunitaria, compostaxe individual e compostaxe en colector marrón. Precisamente, nesta última tipoloxía recolléronse máis de 900 toneladas/ano de resto orgánico en 2021.

Cabe lembrar que a compostaxe en colector marrón implementouse na cidade naqueles barrios con moita densidade de poboación. Fíxose por fases. A primeira comezou a mediados de xullo de 2020 e a segunda ao longo do mes de marzo de 2021, polo que o ano pasado foi o primeiro con rexistros completos

A compotaxe responde á liña de traballo impulsada polo Goberno local no ano 2019 coa instalación de composteiros comunitarios xeralizados en todos os barrios e a entrega masiva de composteiros individuais nas vivendas do rural.

Resto e colector marrón

Resto (Toneladas)Colector Marrón (tn)
201130.284,77
201229.470,26
201328.516,92
201429.217,42
201529.246,62
201629.533,12
201729.627,93
201829.719,77
201929.478,78
202028.282,26310,80
202127.904904,830

O contrato de xestión de residuos

Os datos de reciclaxe de 2021 por parte dos veciños e veciñas de Pontevedra son un bo punto de partida para a posta en marcha do contrato que xestionará os residuos municipais. Licitarase nas vindeiras semanas e estará baseado en obxectivos ambientais, polo que o Goberno parte dunha concepción radicalmente distinta dos residuos, do seu tratamento e da prestación do servizo entendido como até o de agora.

O novo contrato considerará os residuos como un recurso, seguindo as liñas de traballo de toda a normativa europea, estatal e autonómica en vigor ou en estudo, e cumprindo coa máxima do Goberno local: “O futuro será verde, ou non será”.

Busca cumprir coas esixencias da Unión Europea que incrementa as porcentaxes de reciclaxe dos residuos até acadar, cando menos, o 60% no ano 2030. O concelleiro Raimundo González xa adiantou que “a nosa aspiración é superar esa porcentaxe de mínimos legais”.

O concelleiro tamén adiantou que esta “revolución ambiental” que se porá en marcha no Concello neste ano só se poderá facer da man dos veciños e veciñas de Pontevedra. Eles e elas son a clave para que Pontevedra continúe a ser un referente ambiental.