Promoción Económica e Ara Formación impulsan un novo curso gratuíto de Profesional de Produtos Frescos

68

No marco do Proxecto Iles (Iniciativa Local de Emprego Social) do Concello de Pontevedra, a Concellería de Promoción Económica e Turismo volve colaborar co centro Ara Formación para impartir un novo curso gratuíto de Profesional de Produtos Frescos de carácter presencial con 120 horas de duración (70 de formación teórica e 50 de formación práctica en empresa). Os destinatarios desta formación serán prioritariamente desempregados/as empadroados/as no noso municipio, que poderán inscribirse a través do email administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto ‘Ref: Profesional de Produtos Frescos’ e proporcionando a seguinte información: nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono, correo electrónico, antigüidade no paro e volante de empadroamento.


A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que “a parte teórica desenvolverase entre o luns 28 de marzo e o xoves 21 de abril, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, e as prácticas empezarán o 25 de abril e o seu horario determinarase con cada participante e empresa”. “O obxectivo do curso é transmitir aos/as participantes un método estruturado que lles permita a xestión eficaz da atención ao cliente, así como proporcionarlles un coñecemento profundo do posto para realizar con eficiencia e profesionalidade a actividade como profesional de produtos frescos”, sinala a edil do PSOE.


No temario desta acción formativa inclúense os seguintes aspectos: Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (5 horas); Igualdade de trato e non discriminación (5 horas); Desenvolvemento sostible (2 horas); Tics aplicadas a sectores profesionais (3 horas); Vendas e Atención ao Cliente (15 horas); Coñecemento e diferenciación dos produtos de: Carnicería (10 horas), Charcutería (10 horas), Peixaría (5 horas), Froitería (5 horas) e Panadería (5 horas), e Formación específica como persoal auxiliar de alimentación (5 horas).