O Concello e a Escola de Conservación e Restauración estudan a posibilidade de asinar un convenio para que o alumnado realice prácticas con obxectos achados en Santa Clara

122
Algúns dos elementos que poderían ser usados nas prácticas dos alumnos e das alumnas inclúen os baúles cos que as monxas chegaban ao seu novo fogar, amais de diversos mobles singulares
Logo do proceso de restauración, os elementos volverían ser depositados no antigo convento para que puidese ser comprobado polos visitantes a este o seu cambio, en comparación co resto de pezas

Unha delegación da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, formada por profesores e alumnado da mesma, visitou esta semana o interior de Santa Clara en compañía do concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda. O obxectivo principal desta cita foi traballar na posibilidade de asinar un convenio entre o Concello de Pontevedra a o centro pontevedrés polo que o primeiro cedería algún elemento moble de Santa Clara ao alumnado da Escola e así realizar as prácticas programadas con el.

Os profesores visitantes viron con bos ollos esta posíbel iniciativa, e percorren as distintas partes do antigo convento na procura de elementos que puidesen ser obxecto de tratamento nas actividades que realizan nas súas clases prácticas. Cómpre indicar que serían obxectos de uso cotiá, sen relevancia artística, orientados máis a tratamentos de diferentes tipos de madeira ou metal, como poden ser os baúles que as monxas deixaron no convento ao longo dos anos, e que nunca primeira ollada poderían ser de entre os séculos XVIII e XX, principalmente XIX. Tamén poderían ser obxecto de restaurado outros obxectos de carácter singular. 

O convenio de colaboración que o Concello ten en mente contempla unha cesión temporal destes elementos á Escola, que serían restaurados, para logo volvesen o seu punto de orixe e quedase patente a diferencia entre un elemento restaurado e un que non. O inicio da idea partiu do propio centro de ensino superior, trala visita guiada realizada con anterioridade até Santa Clara, dentro das diferentes invitacións académicas e profesionais que se veñen facendo para coñecer o seu interior. O departamento especializado en restauración de madeira e metal sería a área máis interesada nesta colaboración.

Moreda valora de xeito moi positivo o interese que xera Santa Clara en diferentes eidos da sociedade pontevedresa, tamén a educativa e formativa. Nese sentido, a creación de sinerxías entre diferentes actores como pode ser o Concello e a Escola, sempre debe ser visto como un movemento de gran valor, e que traerá consigo boas novas para ambas as dúas partes. 

O edil lembrou que aínda non se fixo unha catalogación extensiva de todo o mobiliario non artístico de Santa Clara, mais esas pezas que poidan figurar no convenio coa Escola, quedarían de xeito automático recollidas neste e sempre deberían ser devoltas á entidade local, logo de poñer en práctica os coñecementos teóricos aprendidos nas clases dun xeito práctico, supervisado e efectivo sobre o elemento en cuestión.