O Concello fai un chamamento á cidadanía para que trate de coordinar as súas accións solidarias con Ucraína cos principais organismos internacionais dentro deste eido

19
A enorme onda de peticións e recollidas de material de primeira necesidade está a colapsar os principais métodos de envío, polo que cómpre traballar man a man coas entidades máis experimentadas nesta materia para lograr que cheguen ao destino
Este mércores está prevista unha concentración silenciosa diante do concello ás 12 horas

O Concello de Pontevedra, a través da portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quixo facer fincapé na desagradábel e desafortunada situación mundial que estamos a vivir por mor da ofensiva que está a sufrir o pobo de Ucraína.

 «Queremos amosar dunha banda o noso orgullo por todas esas persoas de Pontevedra que se están a organizar, amais de traballar, para colectar recursos e podelos mandar a Ucraína en contra desta ameaza tan preto de nós e tan devastadora. Cómpre, e esa é a segunda parte da cuestión, e para asegurarnos que esas axudas cheguen ao seu destino, que a cidadanía se poña en contacto e a disposición das entidades que están a organizar e estruturando estes envíos», explicou Gulías.

O Concello de Pontevedra xa está posto a disposición para colaborar co Eixo Atlántico, como a Fegamp como co Fondo de Cooperación Internacional. É este último o que fixo un chamamento onde subliña as prioridades máximas que fai súas o Concello, «que é que toda a provisión de alimentos, mantas e outros materiais de primeira necesidade sexan recollidos e feitos en colaboración coas oenegués, que agora están colapsadas. É dicir, é probábel que as recollidas fóra destas organizacións non poidan logo ser enviadas, polo que é preciso unha coordinación e contacto co Fondo Galego de Cooperación. O máis eficiente e eficaz neste intre serían as aportacións económicas, feitas sempre seguindo as canles e vías oficiais, a través da Coordinadora Española de Oenegués, a través da Cruz Vermella, a través do Comité Internacional da Cruz e da Media Lúa Vermella, da Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas e a través de ACNUR».

O Concello participará no vindeiro mércores, 9 de marzo, ás 12 horas da mañá, na concentración silenciosa de cinco minutos promovida pola FEMP, diante das portas do concello.