O Concello firma un novo acordo coa Garda Civil en relación coa vixilancia e control do tráfico en determinadas vías da cidade

356
A Policía Local vixiará agora de xeito oficial a contorna do centro escolar de Lérez, a Rolda Leste, a circunvalación do CHOP, o centro comercial Carrefour, a praza dos Praceres e a PO-546 (a estrada vella de Marín)

Desde o ano 2006, o Concello de Pontevedra realiza acordos formais coa Garda Civil para a delimitación das áreas de vixilancia e control de tráfico. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou hoxe dunha nova sinatura nesta materia, que indicará que zonas, habitualmente sensíbeis, serán vixiadas pola Garda Civil e cales pola Policía Local de Pontevedra. Son lugares ou estradas nas que, por diferentes motivos, pode haber certas dúbidas á hora de definir que Administración debe dar conta delas.

O acordo orixinal data do nomeado ano 2006, modificado logo no 2012, e que agora ve a súa actualización. O obxectivo, tanto do Concello como da Garda Civil era prestar atención e desenvolver as competencias de seguridade e vixilancia do xeito máis eficiente posíbel. 

O Concello porá o foco en espazos sensíbeis como zonas residenciais cun gran número de persoas vivindo, amais de centros escolares. Doutra banda, Gulías sinalou que tamén era preciso sinalar, en vías novas ou de recente creación, cal sería o corpo responsábel destas. «Evidentemente xa se estaba a facer, é dicir, todas as vías tiñan un control e unha vixilancia repartida, pero agora quedará por escrito. É o exemplo da Rolda Leste ou xa traballar na futura previsión de novas infraestruturas como a rotonda de Montecelo», sinalou a edil.

Dentro das zonas que agora asume a Policía Local de xeito oficial estarían a Rolda Leste, a circunvalación do CHOP e, na avenida de Lugo, na PO-541, a zona do Augardenteiro, «un núcleo bastante habitado». Ademais, tamén estará incluído o centro escolar de Lérez, que poderá contar con medidas de vixilancia de seu, propostas e controladas polo Concello, igual ca doutros centros de ensino da cidade, favorecendo zonas seguras. Por último, figura a «estrada vella de Marín», para a que o Concello lle fai un novo chamamento á Xunta para que introduza elementos de control de velocidade e calmado de tráfico;  a contorna do centro comercial Carrefour e as prazas de Praceres e a súa contorna.

A Garda Civil asume o control e vixilancia do tráfico no núcleo urbano de Ponte Sampaio —unha excepción que vén dada polo control que xa efectúan das vías perimetrais desta parroquia—, o límite norte da PO-223 en Lérez, exceptuando o centro escolar; e no límite con Poio, o treito entre a ponte das Correntes e a glorieta de Bombeiros.