O Concello reforzará e intensificará as posibilidades de visitar Santa Clara ao longo dos vindeiros meses

182
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou que no mes de abril haberá un incremento substancial de roteiros guiados polo interior do antigo convento
Tamén se realizarán unhas visitas con inscrición presencial para aquelas persoas de máis de 65 anos que teñen dificultades coas ferramentas informáticas, e maio volverá acoller dúas xornadas de portas abertas para coñecer os xardíns, o claustro e o bosque 

O interese que a veciñanza segue a amosar por Santa Clara non é ningún segredo na Boa Vila. A proba máis evidente foi que as visitas guiadas para o mes de marzo esgotáronse en menos de dez minutos. O Concello mantén a súa palabra de que todo o que queira coñecer o novo patrimonio municipal poderá facelo, por iso incrementará o número de visitas a realizar ao longo do mes de abril e ten sobre a mesa a posibilidade de facelo tamén en maio.

«O interese é absolutamente xeneralizado entre os habitantes de Pontevedra, mais tamén entre os habitantes de fóra do municipio. É unha demanda grande, e fixemos un esforzo bastante notable ao longo destes tres primeiros meses desde que asinamos a compra, que permitiu a entrada de 10.000 persoas dentro dos muros de Santa Clara, entre as xornadas de portas abertas, os roteiros guiados ou as visitas profesionais e institucionais», sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. «Segue habendo gana de coñecer o lugar, e é un interese que deriva no acerto que foi mercar este espazo e poñelo a disposición de toda a cidadanía. Tratamos de buscar alternativas para poder aproveitar este tempo que queda até que a Deputación comece cos traballos do estudo histórico e arqueolóxico que xa están en contratación, xa que é posíbel que as obras derivadas deste estudo non permitan ou limiten as visitas guiadas dalgún xeito».

Así, esa intensificación e incremento das visitas cristalizará en tres propostas diferentes, que poderán ser ampliadas no caso do seu éxito e da súa demanda, alén da data concreta no que comecen os traballos arqueolóxicos.

Un dos problemas detectados nas reservas das visitas guiadas foi o da fenda dixital, con persoas non acostumadas a este tipo de plataformas e que non foron quen de reservar a súa visita, máis aló do pouco que estas estiveron dispoñíbeis. De tal maneira, o Concello permitirá unha inscrición especial, presencial, para persoas de máis de 65 anos, que asistirán a dúas xornadas programadas ex profeso para elas. Serán o 7 e o 8 de abril, e a inscrición abrirá entre as 10 e as 14 horas do día 31 de marzo, no edificio de Churruchaos, detrás da antiga casa consistorial. A persoa que asista á visita deberá ser a mesma que solicite a visita de xeito presencial. Poderá reservar unha entrada a maiores para outra persoa que tamén se atope na mesma situación de dificultade ou fenda dixital, a modo de acompañante.

A segunda proposta será a de manter, durante todas as fins de semana de abril, as catro sesións, sábado e domingo, de visitas guiadas que se viñan realizando; pero, a maiores, tamén serán realizadas cos mesmos horarios e ideas, durante todos os días da Semana Santa. É dicir, haberá nove días de visitas continuadas, do 9 ao 17 de abril, o que permitirá a entrada de 400 persoas a maiores das que se viñan apuntando.

Nese sentido, o alcalde volveu lembrar que existe a posibilidade de manter un formato similar ao longo do mes de maio, e mesmo de aproveitar días de entre semana no caso de ver que a demanda continúa a xerar un interese masivo. O que si, sen unha data concreta aínda, á espera da mellor meteoroloxía posíbel para ese intre, o mes de maio volverá contar cun par de xornadas de portas abertas para veciñanza e visitantes. Se as anteriores xornadas deste tipo ocorreron en inverno, agora en primavera as persoas que crucen as portas dos xardíns poderán comprobar como é o lugar noutra época do ano, xa coa primavera entre nós.

«Quero transmitir que o Concello fará todo o posíbel para que aquelas persoas que queiran coñecer Santa Clara así o fagan», finalizou o rexedor. «É un esforzo grande que só se verá interrompido coa chegada das obras do estudo arqueolóxico, polo que cómpre agora intensificar estas visitas. Con todo, seguiremos estudando e xa traballamos na posibilidade de facer outro tipo de citas que poidan convivir neses intres de traballos, citas de carácter artístico e cultural».

Esta mesma fin de semana, están programadas as Xornadas sobre o Entroido de Galiza, na antiga igrexa de Santa Clara, que comezarán ás 18.30 deste venres, 11 de marzo, e finalizarán ao día seguinte.