A SD Teucro presenta unha camiseta conmemorativa do 8M coa que busca visibilizar a historia protagonizada polas mulleres no balonmán e poñer en valor a base feminina do club

57

Coincidindo co programa de actos reivindicativos deseñados con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, a SD Teucro presentou esta mañá no Concello a súa nova camiseta conmemorativa, que o club pretende empregar a partir dagora como terceira equipación (tanto para as xogadoras como para algúns partidos dos compoñentes da escadra masculina). Trátase dunha nova camiseta coa que se pretende darlle visibilidade á historia do balonmán feminino na cidade e poñer en valor a base feminina activa do equipo azul.


A camiseta foi presentada nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; as adestradoras do primeiro equipo, Irene e Rosa Vilaboa; o voceiro da Xunta Xestora do Teucro, Javier Domínguez; a súa responsable de Comunicación e Márketing, Laura del Castillo, e as ex xogadoras de balonmán Chus Ardao e Mabel García. “Unha equipación que, nestas datas de conmemoración e loita das mulleres, nos lembra a implicación deste club no fomento do deporte feminino e tamén a importancia de que o pensamento feminista estea moi presente na práctica deportiva e na filosofía de vida dos clubs. Non obstante, a súa aposta polo talento das mulleres ten o seu mellor exemplo nas dúas mulleres que dirixen ao Teucro desde o banquillo, Irene e Rosi”, salientou o Tino Fernández.


O edil do PSOE subliñou a importancia que os clubs deportivos teñen na loita pola igualdade, “fundamentalmente pola repercusión que teñen e pola capacidade que posúen de chegar á xente”. Na súa opinión, “que un equipo tan emblemático como o vicedecano do balonmán de España aposte decididamente pola igualdade e o feminismo é unha moi boa noticia, que temos que agradecer desde a Concellería de Deportes, que sempre vai colaborar en todo o que sexa feminismo e loita polos dereitos das mulleres”.


“Esta camiseta representa o esforzo de milleiros de mulleres que durante séculos veñen loitando por esa igualdade e ese recoñecemento que se lles vén negando en moitos casos”, asegurou Tino Fernández.


Laura del Castillo explicou que este ano a SD Teucro quixo dar un paso adiante “cunha camiseta que é un elemento simbólico co que se quere facer referencia a todas esas mulleres de Pontevedra que fixeron historia no balonmán feminino, unha historia que non se coñece”. “Eu son a primeira á que lle falan de balonmán masculino e sei dicir nomes de xogadores que pasaron polo Teucro e mesmo que non pasaran polo Teucro pero que son parte da historia do balonmán galego, e sen embargo se teño que dicir tres nomes do balonmán feminino que pasaran por Pontevedra ou Galicia, aí me quedo moi escasa… Aquí houbo balonmán, aquí houbo historia, e desde o club debemos visibilizalo”, afirmou a responsable de Márketing do equipo azul.


Tal e como apuntou Del Castillo, “a nosa base está facendo un esforzo importante no que atinxe ao número de nenas, pero non somos capaces de inculcarlles ese sentimento de que aquí hai referentes galegas e pontevedresas” que seguir, “que as hai e as hai moi boas”, como acontece coas Guerreiras a nivel nacional. “Queremos amosar que as mulleres estamos presentes, que grazas a elas este club dá un pasiño adiante. Esta camiseta vainos dar folgos e visibilidade para seguir loitando e dicirlle á cidade que estamos aquí, que hai base e que existe futuro”, aseverou.


Pola súa banda, Irene Vilaboa lembrou que “por experiencia propia, nos clubs sempre hai ese debate sobre ‘que fai unha muller en postos de homes’, e eu sempre destaco a normalidade que existe entre os meus xogadores, que despois chegan ás súas casas e as súas nais, irmás e parellas vén normalidade tamén en todo o que fan”. A adestradora da SD Teucro convidou a todo o mundo a botar a vista atrás e dixo que ela se inspira moito na súa nai, avoa ou bisavoa, “xente que loitou máis que nós e que acadou moito”.


“Gústame sentir que non son un bicho raro por facer cousas que outros entenden que non nos corresponden. Claro que nos corresponden e o digo ben alto. O balonmán é balonmán e non teño que demostrar nada. Eu quero traballar tranquila e nunca tiven que facer nada distinto para que ninguén me recoñeza nada”, subliñou Irene Vilaboa.
A camiseta conmemorativa estará á venda baixo pedido a prezos de 20 (personalizada) e 17 euros (sen personalizar). O equipo pontevedrés a incorporará como terceira equipación unha vez que a Federación de Balonmán lle dea o visto e prace.


A homenaxe da SD Teucro ás mulleres tamén se traducirá este sábado 12 de marzo, durante o descanso do partido que xogará o primeiro equipo masculino, nunha fotografía de familia coa base feminina.