A XXXVIII Semana Galega da Filosofía traerá de volta o formato presencial e situará a Boa Vila no epicentro do pensamento crítico

266
A cita, clásica na cidade, será realizada entre o 18 e o 22 de abril e contará cun programa diverso a variado baixo o paraugas do seu título: Filosofía e Contrahexemonías
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destaca deste evento a súa capacidade para poñer a Pontevedra no mapa e de facela un referente do pensamento filosófico internacional por mor da calidade dos relatorios que acolle

A XXXVIII edición da Semana Galega da Filosofía será pronto unha realidade, unha realidade que recupera o seu formato presencial, logo de quedar limitada como evento dixital o pasado ano. Entre o 18 e o 22 de abril, Pontevedra volverá ser epicentro de reflexión e pensamento crítico cun dos eventos máis recoñecíbeis e lonxevos da Boa Vila.

Pendente de recibir unha localización definitiva —en principio quere ser situada no Teatro Principal, mais dependendo da súa dispoñibilidade podería ser trasladada até o Pazo da Cultura—, a Semana Galega da Filosofía levará por título Filosofía e Contrahexemonías. Tal e como revelou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, contará cunha serie de palestras ao longo de toda a xornada, mañá, tarde e noite. 

«Recuperamos a actividade presencial en todo o seu sentido», sinalou o rexedor. «Con todo, seguiremos mantendo o streaming para que a xente poida seguir os relatorios desde outros puntos. Parécenos moi interesante o tema escollido, máxime no momento actual, onde semella medrar o pensamento único no mundo. Coido que é unha Semana moi interesante e Pontevedra volverá ser o centro galego, español, probablemente europeo, dun debate filosófico de alto nivel. Estamos orgullosos e valoramos enormemente o esforzo da Aula Castelao de Filosofía para manternos ao día todos estes días e centrar en Pontevedra toda esta actividade que nos coloca no mundo. A Pontevedra gústalle ser sempre unha referencia, e unha das primeiras cousas nas que fomos referencia foi na filosofía e no pensamento cunha semana que está preto xa de celebrar os seus corenta anos de celebración».

O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón González, acompañado da vogal Montse Bragado, sinalou o seu agradecemento ao Concello e lembrou «a incerteza que tocou vivir estes anos para a realización da Semana Galega da Filosofía». «Escollemos este tema, Filosofía e Contrahexemonías, porque pensamos que a contrahexemonía ese discurso que se opón a esa práctica dos poderes ou dos discursos dominantes. É importante telos en conta, sacalos á luz, poñelos na palestra e discutir ao redor deles, pois é unha boa forma de reflexionar, de facer unha análise crítica; alén da política, tamén desde o punto de vista social, cultural, moral…».

Cendón explicou que contarán con diferentes relatores e relatoras que irán comentando e falando desde diversas perspectivas, de alto nivel e «enorme calado» entre o mundo da filosofía. «Falaremos do imperialismo, da propia filosofía e da ética animalista, de feminismo… Tamén lle daremos un peso renovado ás cuestións pedagóxicas, sobre o currículo oculto en secundaria sobre o colonialismo, masculinidades, etcétera».

O programa completo, con todos os relatorios e relatores será feito público este venres na presentación oficial da man da Aula Castelao no Parador de Pontevedra.