Pontevedra comeza a quecer os seus fogóns para recibir aos mellores cociñeiros de tapas de Galicia

298
  • A Concellería de Promoción Económica e a Academia da Tapa e o Pintxo abren ata o día 11 de abril o prazo de inscrición gratuíta no I Campionato de Tapas de Galicia, que se celebrará en Pontevedra durante os días 2 e 3 de maio
  • O evento terá como preámbulo, entre os días 22 de abril e 1 de maio, a I Ruta de Tapas de Galicia, coa que se lle dará a cidadanía a oportunidade de degustar nos establecementos hostaleiros participantes as creacións que levarán ao concurso

Pontevedra xa comeza a quecer os seus fogóns para recibir aos mellores cociñeiros de tapas de Galicia. A Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Academia da Tapa e o Pintxo acaban de abrir o prazo de inscricións para que chefs das catro provincias galegas midan as súas destrezas no I Campionato de Tapas de Galicia, un evento en formato showcooking que se celebrará na nosa cidade durante os días 2 e 3 de maio e aberto de xeito gratuíto a todos aqueles e aquelas que desexen amosar a súa creatividade e innovación no eido da gastronomía en miniatura. Os participantes neste certame, referente da hostalería galega, optarán a máis de 3.000 euros en premios dos produtos das marcas patrocinadoras e colaboradoras.

A convocatoria está especialmente dirixida para profesionais en activo, representantes dun establecemento hostaleiro situado en A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra que dispoña de bar e teña unha oferta de pinchos ou tapas continuada ao longo do ano. O prazo de inscricións permanecerá aberto ata o día 11 abril a través do formulario habilitado na páxina web do campionato: https://www.academiadelatapa.com/i-campionato-de-tapas-e-galicia-pontevedra-2022-gallego/.

O programa da competición foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que interviron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente da Academia da Tapa e o Pintxo, Mikel Martínez, e a responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria. Tal e como subliñou a edil socialista, “este primeiro e pioneiro Campionato de Tapas de Galicia supón outro enorme paso adiante dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro e no noso decidido obxectivo de converter a esta cidade en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023”.

 “Trátase dun evento gastronómico cun formato absolutamente espectacular -avanzou Yoya Blanco- no que os participantes cociñarán en tres boxes de cociña instalados sobre un escenario, por suposto cumprindo con tódalas prevencións Covid-19: emprego de mascarilla, aforo limitado, limpeza de mans, desinfección constante das cociñas e distanciamento entre os chefs. O campionato será transmitido vía streaming desde a canle de Youtube do Concello de Pontevedra, así como das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro”.

Os cidadáns serán os primeiros en degustar as creacións do Campionato

Segundo explicou Blanco, “ademais das dúas emocionantes xornadas de competición, o evento terá como preámbulo a I Ruta de Tapas de Galicia, na que se lle dará á cidadanía a oportunidade de degustar as creacións do Campionato de Tapas”. “Do 22 de abril ao 1 de maio, as barras dos bares participantes porán a disposición do público o pincho do concurso, ofrecendo aos comensais unha nova opción de gastronomía en miniatura para desfrutar en dous ou tres bocados, cunha copa na man”, asegurou a concelleira de Promoción Económica e Turismo.

Pola súa banda, o presidente da entidade organizadora, Mikel Martínez, enfatizou que “para a Academia da Tapa e o Pintxo, que este Campionato se celebre en Pontevedra é unha honra, porque é unha cidade con grandes e recoñecidos valores turísticos e gastronómicos”. “Xuntos, imos lograr impulsar aínda máis a hostalería de Galicia, incentivando o consumo nos bares e restaurantes participantes no Campionato durante a I Ruta de Tapas de Galicia, que se converterá na festa do tapeo, para brindar cos mellores viños da terra e desfrutar da gastronomía en miniatura”, afirmou.

Así mesmo, Martínez destacou que “a misión da Academia é desenvolver e potenciar a gastronomía en miniatura, a través de proxectos relacionados co noso saber facer: formación para hostaleiras e hostaleiros, organización de eventos e promoción gastronómica de cidades”. “Sen dúbida -expresou o máximo responsable da Academia-, unha fusión que nos permitirá desfrutar de novas tapas en Pontevedra e en toda a rexión”.

O I Campionato de Tapas de Galicia – Pontevedra 2022 desenvolverase en dúas intensas e apaixonantes xornadas de talento gastronómicas, cuxo programa será o seguinte:

Luns 2 de maio

Comezo do I Campionato de Tapas de Galicia – 9:30 horas

Pausa para o café – 11:00 horas

Continuación do Campionato – 11:20 horas

Final da competición da mañá – 14:00 horas

Almorzo (libre) – 14:15 – 15:45 horas

Comezo da competición da tarde – 16:00 horas

Pausa para o café – 18:00 – 18:15 horas

Final da competición da tarde – 20:30 horas

Cea oficial do Campionato – 21:30 horas

Martes 3 de maio

Comezo do 2º día de competición – 9:30 horas

Pausa para o café – 11:00 horas

Final da última xornada de competición – 14:00 horas

Entrega de premios – 18:30 horas

As bases elaboradas pola Academia da Tapa e o Pintxo establecen que a inscrición no Campionato de Tapas de Galicia atenderá á seguinte orde de preferencia:

  • Do 14 ao 31 de marzo inscribiranse os concursantes de tódalas provincias galegas, excepto Pontevedra (A Coruña, Lugo e Ourense), a razón de 12 establecementos por provincia. No caso de haber máis de 12 inscricións por provincia, o xurado elixirá aos 12 participantes en base ao seu currículo, no que se valorarán os premios obtidos en certames de pinchos ou tapas nacionais, provinciais, comarcais ou locais, por este orde.
  • Neste mesmo período (do 14 ao 31 de marzo) poderán inscribirse os cociñeiros representantes dos establecementos de Pontevedra, a razón de cinco locais da cidade e 9 da provincia. As prazas que queden vacantes poderán cubrirse no seguinte prazo de inscrición sen limitacións provinciais.
  • Do 1 de abril até as 00:00 horas do 11 de abril, a inscrición será libre ata completar o máximo de 50 prazas previsto.

Yoya Blanco indicou que “cada participante poderá participar cun único pincho, con ingredientes de libre elección, e acompañado dun único axudante”, sendo o prezo máximo de escandalle (custo) de cada pincho de 1,60 euros (o prezo de venda en barra será o que determine cada establecemento). “Durante o campionato -apuntou-, os cociñeiros elaborarán os pinchos en formato showcooking, coa presenza do xurado na sala e ante o público, cun aforo limitado. Celebraranse tres sesións clasificatorias, dúas delas o luns 2 de maio, pola mañá e pola tarde, e a terceira na mañá do martes 3 de maio. Cada unha destas sesións contará cun máximo de 17 participantes e será avaliada por un xurado composto por cinco profesionais de recoñecido prestixio no campo da gastronomía”.

De acordo coas bases, as puntuacións realizaranse seguindo estes criterios:

  • Viabilidade do pincho no contexto de servizo dun bar de pinchos (20 puntos)
  • Produto e estética: produto, montaxe, colorido, espectacularidade e disposición do pincho (15 puntos)
  • Orixinalidade e técnica: novidade da proposta, enxeño, orixinalidade (15 puntos)
  • Valores gastronómicos: gusto, retrogusto, sabor, contraste, matices… (50 puntos)
  • O fallo de todos e cada un dos xurados designados será inapelable

A clasificación establecerase por orde de puntuación de maior a menor, proclamándose gañador do I Campionato de Tapas de Galicia quen obteña maior puntuación. O campión obterá un diploma, un trofeo e un premio de 1.500 euros en produtos dos patrocinadores; o segundo clasificado, un diploma e 1.000 euros en produtos, e o terceiro, un diploma e 500 euros en produtos. O xurado ten a potestade de entregar unha Mención Especial.

Ademais, tamén se outorgarán os seguintes galardóns:

  • Premio ao Pincho que mellor maride con cervexa
  • Premio ao Pincho que mellor maride cun viño branco
  • Premio ao Pincho que maride con viño tinto
  • Premio a Pincho que maride con viño rosado
  • Premio ao Pincho que maride con vermú
  • Premio á estética
  • Premio á sostibilidade
  • Premio ao Pincho máis tradicional
  • Premio Alimentos de Galicia
  • Premio aos valores gastronómicos de España
  • Premio ao mellor pincho quente
  • Premio ao mellor pincho frío
  • Premio á participación activa en redes sociais

Tódolos participantes inscritos deberán entregar á organización o nome completo do pincho ou tapa e a súa receita de elaboración, o nome do establecemento e a súa ubicación, así como os datos do cociñeiro creador do pincho. O campionato e as receitas concursantes pasarán a formar parte dun libro editado pola Academia da Tapa e o Pintxo, que será enviado de forma gratuíta a cada un dos cociñeiros participantes.

As bases deste I Campionato de Tapas de Galicia xa poden descargarse no enlace https://www.academiadelatapa.com/wp-content/uploads/2022/03/bases-CAMPEONATO-gallego.pdf e todos aqueles interesados poderán obter máis información a través do teléfono 687 186 867.