A Praza de España recupera o espírito de San Patricio na súa data habitual con máis gañas que nunca para celebrar e brindar pola fin destes anos de pandemia

862
  • O X Festival Galaico-Irlandés San Patricio, organizado polo Mareantes Rugby Club e a Concellería de Promoción Económica, regresa con música en directo e unha irresistible proposta culinaria na que a cervexa volverá ser protagonista
  • A principal novidade deste ano será a visita dunha trintena de xogadores do club alicantino Elche Rugby Club Unión acompañados das súas familias. Reservarase un stand da carpa para colaborar coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína

Con moitas gañas acumuladas e a pretensión de deixar atrás estes dous anos de dura pandemia, a Praza de España recuperará entre o mércores 16 e o domingo 20 de marzo unha das súas citas lúdicas, sociais e culturais máis senlleiras: o Festival Galaico-Irlandés de San Patricio, organizado polo Mareantes Rugby Club en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo. O ‘clasico’ do calendario festivo-gastronómico pontevedrés chega neste 2022 á súa X edición cunha irresistible proposta culinaria na que a cervexa volverá ser a protagonista, música en directo, actividades para os máis pequenos, un stand solidario de recollida de produtos non perecedoiros para Ucraína e un partido conmemorativo de rugby. 

Unha combinación de ingredientes que garanten o éxito dun evento cuxa programación foi presentada esta mañá na Praza de España pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente do Mareantes Rugby Club, Roberto Juncal; un dos veteráns do plantel, Francisco Lusquiños, e o autor do cartel promocional, Rafa Prieto. Tal e como subliñou Blanco, o principal obxectivo desta celebración “é o de financiar a actividade deportiva do club, en especial, a relacionada coas categorías inferiores, que supoñen o seu maior motivo de orgullo e responsabilidade”. “A situación derivada da pandemia afectounos a tódolos cidadáns e, no caso do Mareantes, puxo en xaque a súa viabilidade económica e deportiva. O espírito de San Patricio regresa con máis forza que nunca e estou segura de que os pontevedreses van respostar á súa chamada e a botar unha man a este club tan importante para a nosa cidade, nun momento en que a precisa máis que nunca”, asegurou a edil do PSOE.

O festival apostará unha vez máis polo produto local, tanto no eido gastronómico (toda a mercadoría se fabrica, comercializa e/ou distribúe en Pontevedra) como no plano lúdico-cultural, xa que tódolos grupos musicais participantes son da nosa cidade: Gran Garaje, Algo pasa con Mary, Jugones, Desconcerto e Son das Tabernas. A principal novidade desta X edición será a visita dunha trintena de xogadores do club alicantino Elche Rugby Club Unión, que aterrarán na cidade coas súas respectivas familias para desfrutar de Pontevedra, da oferta de lecer e cultura que se desenvolverá na carpa de 50 x 15 metros instalada diante da Casa Consistorial e dun partido conmemorativo amistoso coa sección veterana do Mareantes Rugby Club (que terá lugar o sábado 19 no campo de Monte Porreiro a partir das 12:00 horas).

O club reservará novamente un espazo específico para contribuír no ámbito da responsabilidade social, en concreto, para colaborar coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína, un colectivo galego que envía diferentes produtos que a poboación deste país precisa neste contexto de invasión militar. Deste xeito, habilitarase un stand para a recollida de produtos non perecedoiros.

Os concertos celebraranse tódolos días en dous pases distintos, ás 19:00 horas e ás 22:00 horas, agás o domingo, no que haberá unha sesión vermú:

  • Xoves 17: Gran Garaje
  • Venres 18: Algo pasa con Mary e Jugones
  • Sábado 19: Desconcerto e Son das Tabernas
  • Domingo 20: sesión vermú

Yoya Blanco fixo fincapé na significación dun evento que permite “difundir e achegar á cidadanía o rugby e os seus valores, colaborar na promoción turística de Pontevedra e na reactivación dos sectores cultural e empresarial locais, financiar ás categorías de formación e base do Mareantes RCP e axudar ao pobo ucraíno nesta guerra inxusta que está a padecer”. “Sen dúbida, o cartel promocional do evento, froito do inesgotable talento de Rafa Prieto, reflicte á perfección ese espírito de San Patricio que tanto botamos de menos durante estes dous anos de pandemia: un leprechaun irlandés ávido de diversión e cervexa convídanos a pasar pola carpa da Praza de España, que permanecerá aberta ao público en horario de 13:00 a 00:00 horas (o domingo 20 pechará ás 17:00 horas)”, afirmou Blanco.

O presidente do Mareantes Rugby Club amosou a súa ledicia por “poder regresar un pouco á normalidade despois de dous anos sen organizar unha festa que o club emprega para recadar fondos de cara a manter as súa infraestrutura, categorías inferiores e organigrama, e a volver saír e xuntarnos, sempre coas medidas de seguridade”. “Aínda que tivemos que retocar un pouco o tema da comida, que é onde máis se ten notado os incrementos, mantivemos os prezos, polo que serán os mesmos do ano pasado. Tentamos facer esforzo para que non teñamos que afrontar un incremento máis dos que xa temos que afrontar”, asegurou Roberto Juncal. 

Pola súa banda, Francisco Lusquiños explicou que a idea de convidar ao Elche Rugby Club xurdiu dun “antigo xogador do Mareantes que actualmente vive na localidade alacantina e que está relacionado con este club”. “Tras xogar un partido con eles o sábado 19 ás 12:00 horas, compartiremos o terceiro tempo no noso local, como é tradición no rugby. Unha achega máis para poder dar a coñecer o mundo do rugby e a que veña xente de fóra para coñecer Pontevedra, o Mareantes e o noso”, afirmou Lusquiños.

Aqueles que se acheguen ao Festival de San Patricio durante os vindeiros días poderán degustar todas estas variedades de cervexa e este delicioso menú:

Bebida:

Guinness 5€

Murphys 5€

Hop House (loira) 4€

Nasa 4€

Cervexa especial St. Patricks (de cor verde, elaborada por Nasa para a ocasión e que estará dispoñible o xoves 17) 5€

Sen glute 2’50€

0’0  2’50€

Radler 2’50€

Refrescos 2’50€

Agua 1’50€

Comida:

Combo de carnes 8€

Irish Sausage 5€

Hamburguesa Especial 5€

Bocata de xamón asado 5€

Perrito 3’50€