O Mercado de Abastos prepárase para un novo Ganapán larpeiro e creativo con receitas de biscoito marmolado e chocobombs, polbos xoguetóns e foguetes espaciais

8

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para rapaces e rapazas de 4 a 10 anos, regresa esta fin de semana cunha proposta de actividades especialmente pensada para os nenos e nenas máis larpeiros e creativos. O programa deseñado para esta fin de semana contempla divertidos obradoiros de cociña nos que o chocolate terá un enorme protagonismo e talleres de manualidades nos que a imaxinación non terá límites.


O Gastroespazo acollerá o sábado 19 de marzo unha actividade na que os máis pequenos elaborarán un biscoito marmolado, que fusiona o chocolate e a vainilla, e outra na que confeccionarán uns simpáticos polbos xoguetóns a partir de vasos e terrinas de cartón. “Para o domingo 20 de marzo -explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco- están previstos un taller no que a rapazada terá oportunidade de elaborar unhas chocobombs ou esferas recheas de chocolate e outro no que poderán crear uns foguetes espaciais para viaxar entre constelacións, planetas e cometas”.


Os talleres desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles que desexen participar deberán inscribirse previamente no email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades.