A Vida é Movernos celebrará esta fin de semana a actividade de Dragon Boat organizada en colaboración coa Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra

104

Despois de que as inclemencias meteorolóxicas obrigaran á Concellería de Deportes e á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra a suspender a saída, prevista para a pasada fin de semana, o programa municipal A Vida é Movernos poderá celebrar finalmente este sábado 19 e domingo 20 de marzo en augas do río Lérez a actividade deportiva de Dragon Boat (modalidade de orixe chinesa que o club implantou hai algúns anos na nosa cidade). As persoas participantes poderán desfrutar dunha pequena ruta dunha duración aproximada de dúas horas con saída desde a sede social do club (no porto das Corvaceiras) e chegada ata o contorno da praia fluvial, tendo a oportunidade de ver a cidade desde outra perspectiva.

A actividade desenvolverase o sábado 19 cun grupo de rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos, e o domingo 20 cun grupo de persoas de entre 18 e 70 anos. En ámbalas xornadas, o horario será de 10:30 a 12:30 horas e os grupos serán dun máximo de 20 compoñentes.


Esta ruta de Dragon Boat é totalmente de balde, sendo imprescindible saber nadar e levar chanclas, toalla, mallas de deporte, camiseta técnica e unha camiseta térmica. “Trátase dunha oportunidade única de pasalo en grande e mollarse un pouco practicando unha disciplina diferente nun contorno natural tan excepcional como o do río Lérez”, asegura o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.