Benestar Animal e Aecam organizan unha Xornada sobre Fauna Salvaxe que se celebrará o 27 de marzo no Centro Cultural de Santa María de Xeve

84

Consciente da importancia que a educación ambiental e a concienciación da cidadanía teñen en aspectos como a conservación ambiental e o respecto á natureza e aos animais, a Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, segue a impulsar accións formativas de balde abertas á cidadanía neste eido. Nesta ocasión, o departamento municipal volve colaborar coa Asociación Educativa Animais do Mundo (Aecam) para organizar unha Xornada sobre Fauna Salvaxe que se celebrará o domingo 27 de marzo ás 17:00 horas no Centro Cultural de Santa María de Xeve (lugar da Igrexa, 20) e na que se abordarán cuestións relativas á lexislación vixente, protocolos de actuación e biodiversidade.


A charla, presentada por membros do colectivo Aecam (que incidirán na relevancia da educación ambiental), estará protagonizada por María José Otero Folgueira, veterinaria do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Cotobade; o axente medioambiental Iván González, e un representante do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil. “Haberá prazas limitadas até completar aforo -apunta Marcos Rey- e todos aqueles que queiran informarse ou inscribirse poderán facelo a través do teléfono 667 231 974 ou do email info@aecamgalicia.com”.
No seu relatorio, María José Otero explicará que é un centro de recuperación de fauna e as persoas que o conforman, ao tempo que falará sobre o protocolo de actuación e a recepción de pacientes (cales son os máis habituais e a súa casuística) e dará unha serie de consellos. Iván González centrarase nas funcións dentro dun centro de recuperación, o protocolo e traballo a pé de campo, as especies e as problemáticas actuais, achegando algún caso concreto e diversas recomendacións.


Pola súa banda, o responsable do Seprona tratará sobre os seus labores e funcións, os protocolos de actuación, a forma de proceder para denunciar, as infraccións e a protección de especies.