O conxunto escultórico da Illa do Covo avanza nos seus traballos de limpeza e acondicionamento

54
A maioría das pezas artísticas locen renovadas, non tan lucidas nos últimos tempos polo presencia de graffitis, xa desaparecidos logo dos últimos tratamentos
Os técnicos continuarán cos traballos nos vindeiros días, procedendo tamén coa aplicación daunha nova capa protectora anti pinturas, que protexerá as esculturas de actos vandálicos 

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, visitou esta mañá algunhas das pezas artísticas que conforman o conxunto escultórico da Illa do Covo que nos pasados días recibiron unha serie de actuacións de limpeza e acondicionamento e xa amosan os resultados destas.

«A Illa do Covo é un museo ao aire libre con 12 pezas de landart, recoñecidas internacionalmente, e precisaban Dunha sesión de mantemento», sinalou Moreda. «Esta é a primeira fase de limpeza e acondicionamento que inclúe traballos como a limpeza dos graffitis, que contou cunha serie de ferramentas que removen a pintura e logo realiza un tratamento con vapor para limpar totalmente as pezas dos graffitis».

Entre as pezas máis afectadas polo graffitis figuraban as pezas coñecidas como Labirinto, a Casa e o Cerebro. Unha vez rematada a limpeza integral —acto previsto de xeito inminente—, será aplicado un líquido especial sobre as esculturas que protexerá a pedra de futuros actos de vandalismo. Amais da limpeza destas pinturas, tamén se están levando a cabo traballos de acondicionamentos da contorna das pezas, como por exemplo a retirada da grava e a posta doutra nova no caso do Labirinto, alén da retirada de herbas ou o cambio da iluminación se for preciso.

Nese sentido, o edil comentou que tamén nesta actuación é posíbel percibir a crise de subministro nos materiais, poñendo de exemplo a grava que será instalada no Labirinto, e que aínda non chegou a mans da empresa responsábel do novo acondicionamento. «Agardamos que se solucione o máis rápido posíbel e que esta actuación poida ser rematada canto antes».

Moreda lembrou que está prevista unha segunda fase que inclúe un proxecto de reactivación no aspecto museístico da Illa do Covo, «reformulando a sinalética con paneis informativos que indiquen a posición das pezas, información sobre elas e a súa situación», tal e como sinalou o concelleiro no seu día. Tamén será posíbel descargar unha serie de falangullos (podcasts) que servirán de audio guías autónomas, tanto para a veciñanza como para os visitantes da cidade.

As actuacións limpeza das pezas museísticas e o acondicionamento da contorna, que rematará nos vindeiros días, contan cun investimento de preto de 35.000 euros.