O Laboratorio da Infancia celebra unha sesión pública na Casa das Campás para expoñer as conclusións do seu Lab Sociedade e recoller as achegas do público

61

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto, presidiron esta tarde na Casa das Campás (sede da Vicerreitoría) a primeira das cinco sesións públicas destinadas a presentar as conclusións das Mesas de Traballo ou Lab’s desenvolvidos no marco do programa Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi). Este foro inaugural, presentado por África Martínez, responsable da firma coordinadora do programa, Taller Abierto, centrouse na exposición das ideas e accións artelladas a través da mesa de traballo do Lab Sociedade, explicadas pola súa presidenta, María Lorenzo Rial, profesora e investigadora na área de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra.


Xunto con Lorenzo, conformaron esta mesa Xaime Domínguez Toxo, pedagogo especialista en discapacidade visual, que formou parte dos equipos educativos da Once de atención presencial a alumnos cegos no proceso de escolarización e que coordina proxectos de investigación en inclusión social centrados na infancia e na accesibilidade á cultura, patrimonio e espazos de interese natural; Ada Otero Huertas, coordinadora do Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (Cides), e Aurora Coego Trinidad, responsable do programa CaixaProinfancia da Fundación La Caixa e do proxecto Lecxit da Fundación Meniños. Entre outras cuestións, neste Lab Sociedade abordáronse todos aqueles aspectos que poden contribuír a mellorar a vida das persoas no que atinxe á inclusión, á igualdade de xénero e á diversidade funcional.


En concreto, a mesa centrouse en temas como: o estado xeral da educación para a igualdade en tódolos planos, comunicación da situación da infancia entre as administracións e a poboación, recursos dispoñibles para programas sociais, as tecnoloxías como medio de loita nas desigualdades (ben mediante o acceso universal a elas, ben como instrumento para combatelas mediante estratexias de comunicación-acción), perspectiva de xénero nos programas sociais destinados á infancia, conexións escola-institucións en relación ao ámbito social, realidade da pobreza infantil, problemas específicos en confluencias de xénero, exclusión e diversidade funcional, a inclusión no espazo público, programas públicos de traballo coa infancia sobre xénero, igualdade e inclusión, lecer nos colectivos con diversidade funcional, accións específicas en materia de xénero e procesos participativos arredor das decisións de actuación nos temas de xénero, inclusión e diversidade.


Este debate de ideas xerminou na seguinte proposta de obxectivos e liñas de acción:

OT.1 Formar un órgano executivo de participación para a infancia onde se poidan tratar os temas que lles afectan nun espazo propio onde sexan protagonistas.  

Liña de acción 1.1 Comisión da infancia

Formar un órgano executivo de participación para a infancia onde se poidan tratar os temas que lles afectan nun espazo propio onde sexan protagonistas.

Liña de acción 1.2 Programa formativo

  • Desenvolver cursos de formación en toma de decisións e participación activa para nenas e nenos
  • Crear unha escola de igualdade desde a primeira infancia
  • Plan local de infancia (Ciudades amigas de la infancia)

Liña de acción 1.3. Estudos exhaustivos

  • Facer un mapeo dixital social, aberto e interactivo que

Liña de acción 1.4 Xornadas abertas á cidadanía

  • Congreso sobre infancia onde amosar experiencias doutras cidades arredor

Liña de acción 1.5 Programa de actividades disruptivas

  • Implantar un programa de actividades para a infancia que fomenten valores de igualdade e inclusión favorecendo o pensamento crítico
  • Equipo e espazos interdisciplinares
  • Profesores escollidos que formen parte do comité organizador

OT.2 Establecer unha canle de comunicación permanente mixta (física e virtual) entre os centros escolares, as familias e as administracións para atender as necesidades de nenas e nenas cunha visión global.

Liña de acción 2.1. Ferramentas dixitais para a infancia

  • Creación dunha App onde se aúnen os recursos dispoñibles e a información de todas as asociacións e colectivos que traballan para a infancia

Liña de acción 2.2. Redes sociais activas

Liña de acción 2.3 Conectar a Universidade cos centros educativos

  • Aproveitar o coñecemento do campus da Uvigo para facer estudos e desenvolver proxecto colaborativos nos que nenas e nenos estean no centro e mesmo participen coa súa particular visión.

OT.3 Crear un observatorio da infancia para obter información e con capacidade para facer seguimentos e avaliar situacións en función dunha base de datos realista.

Liña de acción 3.1: Programa de formación continua para técnicos   

  • Formación específica para técnicos e técnicas do Concello que traballen en temas socias.

Liña de acción 3.2: Creación dun LAB 0- 6

  • Observatorio da infancia que permita facer análise e impulsar políticas sociais axeitadas familias

Liña de acción 3.3: Creación dun LAB 6-12

  •  Observatorio da infancia LAB 6-12) que permita facer análise e impulsar políticas sociais axeitadas  nenos e nenas independentes

OT.4 Recuperar o espazo público como ámbito educativo e comunitario de igualdade aproveitando as posibilidades dun modelo de cidade onde o peón está no centro da mobilidade.

Liña de acción 4.1: Ocupación do espazo público

  • Dar visibilidade as manifestacións de nenos e nenas en tótems na rúa

Liña de acción 4.2: Dar voz a colectivos

  • Programar actividades propostas por colectivos con necesidades especiais a través de accións na rúa 

OT.5 Dar pulo aos espazos intercomunitarios existentes nos barrios e crear uns novos nas parroquias recuperando edificios que estean en desuso.   

Liña de acción 5.1: Implementar servizos en áreas rurais

  • Desenvolver programas para a infancia nas zonas rurais, seguindo un modelo descentralizado que permita aproveitar a riqueza do lugar.
  • Dispositivo móbil

Tal e como explicou o concelleiro de Educación, Tino Fernández, “estas sesións públicas están orientadas a fomentar a participación pública no deseño da cidade do futuro para a nosa infancia, polo que a súa finalidade é que os asistentes fagan suxestións, comentarios e achegas que poderán ser engadidas no deseño da estratexia final do Laboratorio da Infancia”. “Nestes foros -apuntou o edil do PSOE- vanse expoñer as conclusións das mesas de traballo compostas por grupos de profesionais expertos nas diversas áreas que, desde o pasado mes de novembro, mantiveron reunións no Pazo da Cultura para realizar o diagnóstico da situación do concello de Pontevedra e a súa infancia”.


Está previsto que se celebren novas sesións públicas na Casa das Campás nas seguintes datas:
– 24 de marzo, Lab Espazo Público
– 31 de marzo, Lab Cultura
– 4 de abril, Lab Medio Ambiente
– 7 de abril, Lab Vida Saudable