Iván Puentes participará o martes nunha actividade de concienciación e limpeza do río dos Gafos organizada polos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón e patrocinada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible co gallo do Día Mundial da Auga

32

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, participará o vindeiro martes 22 de marzo nas actividades organizadas polos clubs Contra o Cambio Climático dos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón con motivo do Día Mundial da Auga 2022. A iniciativa, impulsada en colaboración coa asociación ecoloxista Vaipolorío e co patrocinio do departamento que dirixe o edil socialista, traducirase nunha limpeza de diferentes treitos do río dos Gafos, na realización dun vídeo reportaxe e de fotografía documental e artística por parte do alumnado dos institutos e en dúas charlas divulgativas impartidas polo presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, e o propio Iván Puentes.


Un dos propósitos desta xornada é o de concienciar acerca a crise mundial da auga e a necesidade de adoptar medidas que permitan alcanzar o ‘Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº6: Auga e saneamento para todos antes de 2030’. Segundo sinala Iván Puentes, “neste 2022 o foco de atención centrarase nas augas soterradas e é precisamente o impacto destas sobre os ríos o que levou a estes centros educativos a enfocar a actividade, enmarcada dentro do proxecto de innovación educativa ‘EDUSostibilidade’ do IES Frei Martín Sarmiento, nunha limpeza dun río do seu contorno como o Gafos, tomando así conciencia da importancia que a protección do medio acuático ten na loita contra o cambio climático”.


As tarefas de limpeza contarán coa participación duns 60 alumnos e alumnas do IES Frei Martín Sarmiento e uns 25 do IES Sánchez Cantón, todos eles participantes activos dos clubes Contra o Cambio Climático implementados nestes centros educativos. Os estudantes irán en todo momento acompañados por profesorado, en concreto por catro docentes do instituto Frei Martín Sarmiento e dous do Sánchez Cantón.


Ademais desta limpeza do Gafos, que será o eixo vertebrador da xornada de celebración do Día Mundial da Auga, o alumnado de 1º de Bacharelato de Artes encargarase de elaborar un vídeo reportaxe documental da limpeza (como proxecto de aula da materia de Imaxe e Son), mentres que o de 3º e 4º da ESO realizará fotografía documental e artística (dentro do proxecto educativo ‘Fotografía en Curso’). O programa da actividade dará comezo ás 10:00 horas no Salón de Actos do IES Frei Martín Sarmiento cunha charla divulgativa impartida polo presidente do colectivo Vaipolorío, Gonzalo Sancho, sobre ‘A importancia de coidar os nosos ríos’. A continuación, ás 10:30 horas, protagonizará outra conferencia no mesmo escenario o concelleiro Iván Puentes, que presentará a iniciativa do Concello de Pontevedra ‘A Tropa do Clima’.


A comitiva de limpeza partirá cara ao río arredor das 10:45 horas, dividíndose en tres brigadas dotadas de sacos de lixo, luvas e pértegas de recollida que actuarán na desembocadura do río, o treito que discorre pola rúa María Victoria Moreno e o paseo dos Gafos, respectivamente. Os traballos de limpeza desenvolveranse entre as 11:00 e as 12:30 horas, celebrándose unha convivencia do alumnado dámbolos institutos entre as 12:45 e as 13:30 horas.