Os alumnos e alumnas dos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón poñen os cimentos da Tropa do Clima cunha xornada de limpeza polo río dos Gafos co gallo do Día Mundial da Auga

50

Unhas charlas divulgativas impartidas polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e o presidente da asociación ecoloxista Vaipolorío, Gonzalo Sancho, e unha xornada de limpeza en diferentes treitos do río de Os Gafos protagonizada por uns 85 alumnos e alumnas dos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón (na que tamén participaron Puentes e Sancho) serviron hoxe para conmemorar o Día Mundial da Auga 2022, co propósito de concienciar acerca a crise mundial da auga e a necesidade de adoptar medidas que permitan alcanzar o ‘Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº6: Auga e saneamento para todos antes de 2030’. Baixo a tutela dos profesores Manuel Fariña e Beatriz Trillo, as actividades, que incluíron a gravación dun vídeo reportaxe e a realización de fotografía artística por parte dos estudantes, foron organizadas de xeito coordinado cos clubs Contra o Cambio Climático que funcionan en ámbolos institutos, poñendo así os alicerces da rede municipal de loita contra o cambio climático que Iván Puentes quere impulsar desde o Concello baixo o nome da Tropa do Clima.

Os obxectivos desta iniciativa foron explicados precisamente na charla impartida polo concelleiro socialista no Salón de Actos do IES Frei Martín Sarmiento, na que tamén abordou o importante proxecto que a súa Concellería ten en marcha para liberar o tramo urbano do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. Tal e como lembrou Iván Puentes, “o Concello de Pontevedra aspira a acadar catro millóns de euros de fondos europeos para poder sacar o río á superficie” e esta mañá “os rapaces liberaron os seus leitos de lixo”, coa finalidade de “sensibilizalos sobre a importancia dos espazos verdes que teñen na súa cidade e coa necesidade de mantelos e de conservalos como espazos de lecer e de vida nas mellores condicións posibles”.


“E hoxe aproveitamos para presentar unha iniciativa que imos poñer en marcha nos vindeiros meses, que se chama A Tropa do Clima e que consiste en implicar aos rapaces e rapazas dos distintos institutos da cidade en dúas cuestións fundamentais: a primeira, seguindo o exemplo do Sánchez Cantón e do Frei Martín Sarmiento, en crear nos seus centros os clubs Contra o Cambio Climático, de xeito que poidan realizar accións concretas nos seus centros; e a segunda, que con ese paraugas da Tropa do Clima poidan colaborar entre os diversos centros da cidade ao longo do ano en saídas que organicemos a espazos naturais do concello para efectuar intervencións sobre o terreo, xa a nivel municipal e non só de centro. A loita contra o cambio climático implícanos a todos e temos que comezar a preocuparnos do que temos máis preto”, sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.


Neste 2022, o foco do Día Mundial da Auga centrouse nas augas soterradas e no impacto destas sobre os ríos e sobre o cambio climático. Nas tarefas de limpeza do Gafos participaron uns 60 alumnos e alumnas do IES Frei Martín Sarmiento e uns 25 do IES Sánchez Cantón, todos eles membros activos dos clubes Contra o Cambio Climático implementados nestes centros educativos. Os equipos de limpeza dividíndose en tres brigadas dotadas de sacos de lixo, luvas e pértegas de recollida que actuaron na desembocadura do río, o treito que discorre pola rúa María Victoria Moreno e o paseo dos Gafos, respectivamente.

O alumnado de 1º de Bacharelato de Artes foi o encargado de elaborar un vídeo reportaxe documental da limpeza (como proxecto de aula da materia de Imaxe e Son), mentres que o de 3º e 4º da ESO realizou fotografía documental e artística (dentro do proxecto educativo ‘Fotografía en Curso’). 


Avances no proxecto para liberar o río dos Gafos


Segundo precisou Iván Puentes, en paralelo aos catro millóns de euros de fondos europeos que se lle solicitaron ao Ministerio de Medio Ambiente para o proxecto de destape do río dos Gafos, “para os que somos optimistas, xa que cremos que é dos máis interesantes que se presentaron en Galicia”, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible está a manter conversas coa Xunta e o Goberno de España para que colaboren e se sensibilicen con esta iniciativa (tanto Augas de Galicia como a Vicepresidencia da Xunta son absolutamente receptivos e favorables). “Este 2022 vai ser un bo ano para o Gafos -augura o edil do PSOE-. A intervención sobre o treito que discorre polo contorno da rúa da Tablada, entre Xeneral Rubín e Rosalía de Castro, vai saír a contratación nun prazo aproximado duns 15 días, xa para comezar as obras nos vindeiros meses. E ademais vimos de pechar co Colexio de Arquitectos de Galicia (Coag) as bases do concurso internacional de ideas que deberá decidir o proxecto definitivo de restauración do Gafos en todo o seu ámbito, desde Ponte Boleira, na avenida de Vigo, ata a desembocadura, nas Corvaceiras. Con pasos seguros e firmes, vaise avanzando cara a esa renaturalización e reapertura do río dos Gafos no corazón da cidade, que transformará radicalmente o centro urbano de Pontevedra”.