A Audiencia Nacional dálle a razón ao Concello de Pontevedra e revoca a concesión por vinte anos dos terreos da antiga Pontesa

306
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembra que a recuperación de espazos públicos e naturais e unha das prioridades do Goberno e que esta nova é unha «grande nova» para a veciñanza de toda a zona
Se ben son casos distintos, a argumentación empregada polo Concello para emitir o recurso e a aceptación deste por parte da entidade xudicial é semellante ao de ENCE, após recoñecer a inviabilidade dunha concesión para fins industriais en terreos marítimo terrestes non xustificada

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou a sentenza da Audiencia Nacional que estima o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Pontevedra, fronte á Resolución da Directora Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, por delegación da Ministra, do 21 de decembro do 2017, declarando a nulidade da resolución recorrida no sentido de non haber lugar á prórroga da concesión.

Así, quedaría revocada esta concesión por vinte anos que Costas lle deu no ano 2017 á empresa Italpú-Trade S. L. nos terreos da antiga fabrica de Pontesa. «Para nós é un grande avance na recuperación da enseada do Ulló, no fondo da ría de Vigo, parroquia de Ponte Sampaio. Onte foi o Día Mundial da Auga e esta é sen dúbida unha moi boa noticia que encaixa a perfección con esa data simbólica», sinalou o alcalde da cidade.

«Esta sentenza vai na dirección, e hai que lembrar que pode ter recurso de casación no Tribunal Supremo, de recuperar para uso público os 33.000 metros cadrados que foron recheados no seu día, e ocupados no ano 59, por unha concesión de Costas que autorizou este proxecto para instalar unha fábrica dedicada á industria cerámica e que cesou a súa produción a primeiros dos anos dous mil e logo, estes terreos incluíndo a fábrica, foron poxados e adxudicados no 2004», recapitulou o rexedor. «Os argumentos para revocar esta prórroga son exactamente os mesmos que foron utilizados para revocar a prórroga de ENCE, tales como a imposibilidade de haber instalacións industriais en terreo marítimo terrestre que non xustifiquen que non poden estar noutro lugar».

O Concello de Pontevedra, a través da figura do seu alcalde, considera que esta nova sentenza confirma a argumentación realizada xa no caso de ENCE. «Independentemente de que se admita ou non a trámite o recurso, a xurisprudencia é a mesma. Neste sentido quero dicir e quero recordar que este Goberno, e eu persoalmente, somos fondamente ecoloxistas, de feito o meu activismo público e social inicieino con asuntos medio ambientais. A acción de Goberno levou a que nos últimos tempos logramos recuperar 20 mil metros cadrados na praia de Ponte Sampaio, estamos traballando xa na recuperación dos terreos da Xunqueira de Alba, traballamos tamén na recuperación do monte coa construción de parques forestais e outras actividades… En fin, traballamos pola recuperación do espazo público e a renaturalización do municipio. Cremos no respecto ao medio ambiente a na loita contra o quecemento global e a protección dos ríos, das xunqueiras e das rías».-

Fernández Lores lembrou que aínda que «oxalá fose máis rápido», Pontevedra vai conseguindo eses obxectivos nesa liña de traballo medio ambiental e de recuperación.