A Concellería de Benestar Social fai públicas unha serie de indicacións para canalizar a solidariedade co pobo ucraíno e Marcos Rey asegura que a prioridade é dispoñer de recursos habitacionais para a acollida de refuxiados

147

Como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Pontevedra, a través da súa Concellería de Benestar Social e seguindo as pautas indicadas desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), os gobernos central e autonómico e as oenegués especializadas na atención á poboación refuxiada, vén de facer públicas unha serie de indicacións para canalizar a solidariedade dos pontevedreses e pontevedresas co pobo ucraíno. As principais directrices realizadas neste senso polo departamento que dirixe o socialista Marcos Rey serían as seguintes:


1.- Chamamento á calma e á orde. Tal e como apunta Rey, “hai moita vontade por parte do cidadán pontevedrés de colaborar co pobo ucraíno, mais precisamos facelo de xeito organizado e coordinado, escoitando as recomendacións das administracións públicas competentes e non acreditando en todo o que escoitamos e lemos nos medios, xa que podemos acabar entorpecendo as xestións para materializar a axuda, como xa está acontecendo, sobre todo tendo en conta que esta situación de crise humanitaria prevese que se vai alongar no tempo. Polo cal, é mellor non precipitarse nas decisións a tomar”.


2.- A prioridade máxima é coñecer os recursos habitacionais cos que se contan nos diferentes concellos e deputacións. Así, no caso de querer poñer a disposición un recurso deste tipo, podes poñerte en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello de Pontevedra no teléfono 986804300 ext 7452 ou tamén no correo redeaxuda@pontevedra.eu. “Precísanse pisos completos baleiros -aclara Marcos Rey-, non compartindo vivenda”.


3.- Prégase que non se faga acumulación de alimentos, mantas ou outros materiais de primeira necesidade porque as ONG que xestionan o reparto da axuda no terreo están colapsadas. 

4.- Unha das opcións máis eficientes á hora de querer ofrecer axuda pasa esta pola achega económica ás ONGD. Neste caso, ao tratarse de países europeos, hai garantías de que poden conseguir os materiais que precisan, evitando gastos innecesarios de transporte.  

 Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania 


Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas. Contribución a través do Fondo Humanitario para Ucraína:  https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf


ACNUR (Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas): https://eacnur.org/es/crisis-ucrania?UTM_source=abtasty&utm_medium=bubble  

Máis información na Coordinadora Española de ONGD: https://coordinadoraongd.org/2022/03/como-apoyar-a-las-ongd-espanolas-en-ucrania/


5.- Precísanse persoas voluntarias como tradutoras, tanto con coñecementos de ucraíno como de inglés. Poden poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello de Pontevedra no teléfono 986804300 ext 7452 ou tamén no correo redeaxuda@pontevedra.eu.

6.- Se hai persoas interesadas en acoller menores non acompañados, poden inscribirse no Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Máis información no https://acollementofamiliar.gal/ ou no teléfono 900812880.


7.- Desde as delegacións do Goberno convocaranse reunións de coordinación territorial coa Fegamp para a chegada e recepción de persoas desprazadas en cada comunidade autónoma. O mellor xeito de garantir unha adecuada atención ás persoas ucraínas é seguir as canles oficiais.


8.- Todas aquelas persoas que teñen acollidas a persoas ucraínas deben notificalo na Policía Nacional para solicitar a Protección Temporal. Tamén poden solicitar a entrada no Sistema de Acollida de Solicitantes de Protección (cumprindo unha serie de requisitos) poñéndose en contacto con Acceam Vigo no teléfono 886906798.


9.- Hai habilitado un formulario web no enderezo https://www.inclusion.gob.es/es/ucrania/index.htm, ou a través do correo electrónico apoyo.ucrania@inclusion.gob.es, onde os particulares poderán informar de calquera previsión de chegada de cidadáns ucraínos desprazados, e proporcionar os seguintes datos:


– Número de persoas.

– Data e hora de chegada.

– Punto exacto de chegada.


Sempre que sexa posible, facilitarase información sobre se se trata de unidades familiares, menores (e neste caso, se van acompañados ou sós), ou persoas con algunha circunstancia especial que requira dunha atención específica.


10.- Habilitouse un número de teléfono gratuíto de información sobre acollida a cidadáns ucraínos, así como de cita para ser atendido nos centros de recepción: +34 91 047 4444.


11.- A solicitude de información e consulta en relación ao acceso á asistencia sanitaria das persoas afectadas polo conflito en Ucraína realizarase no enderezo ucraniaasistenciasanitaria@ingesa.sanidad.gob.es.


Pautas de actuación ante a chegada de animais de compañía procedentes de Ucraína

Neste listado de pautas a seguir para colaborar na urxencia humanitaria ucraína elaborado pola Concellería de Benestar Social tamén se inclúe información sobre o xeito de actuar ante a chegada de animais de compañía procedentes de Ucraína. Marcos Rey lembra que “a política sanitaria da UE respecto á rabia (enfermidade vírica que afecta a cans, gatos e furóns e tamén ao home, sendo para as persoas unha enfermidade extremadamente grave) establece unha serie de requisitos sanitarios previos que deben cumprir os cans, gatos e furóns antes de entrar en territorio europeo”.

“Dada a emerxencia existente, é moi probable que non se poidan cumprir ditos requisitos de xeito estrito, polo que calquera persoa ou entidade que teña coñecemento da chegada dalgunha persoa refuxiada acompañada de mascotas debe contactar de inmediato cos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que no caso de Pontevedra é o Servizo de Gandaría (886 206 569, ganderia.pontevedra@xunta.gal).