A diversión e as turbulencias regresan este sábado e o vindeiro á piscina do CGTD coa celebración dos Campionatos Galegos de Waterpolo Benxamín, Alevín e Infantil Mixtos de Inverno

97

Uns 120 nenos e nenas de categorías Benxamín e Cadete encherán de diversión e turbulencias a piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) este sábado 26 de marzo coa celebración dos Campionatos Galegos Mixtos de Inverno. O evento, organizado pola Federación Galega de Natación (Fegan) co patrocinio da Concellería de Deportes, a Deputación Provincial e a Xunta, dará comezo ás 10:00 horas e será retransmitido en directo vía streaming a través da páxina web do Club Waterpolo Pontevedra (waterpolopontevedra.com).


O Campionato Benxamín desenvolverase cun sistema de liga e conta con tres equipos inscritos (CW Cambre, CW Santiago e CW Pontevedra), mentres que o Alevín xogarase baixo sistema de KO (gañadores e perdedores) e conta con sete clubs inscritos (CW Santiago A, CW Santiago B, CWC Rías Altas, RCN Vigo, CM Ferrol, CW Cambre e CW Pontevedra). Entregaranse medallas aos tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como o correspondente trofeo a cada un dos equipos campións.


As competicións foron presentadas esta mañá no CGTD nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros; o presidente do CW Pontevedra, José Tellería; o director do CGTD, Jesús López, e o presidente da Fegan, Carlos Touriño. Tal e como apuntou Tellería, “nestas dúas vindeiras fins de semana rematamos a xeira de campionatos de inverno” e “o bonito destes campionatos é ver como os rapaces e rapazas desfrutan… Desfrutan e sobreviven, ao mesmo tempo, xa que están case empezando”. “A verdade é que son moi agradecidos e entretidos de ver estes partidos. Aínda que se trate dun campionato oficial -asegurou-, o resultado é o de menos, porque do que se trata é de darlles a oportunidade de que, en moitos casos, compitan por primeira vez nun encontro oficial. Que desfruten e que o pasen ben”.


O Campionato Galego Infantil Mixto, o sábado 2 de abril


A emoción do waterpolo continuará a fin de semana seguinte, en concreto o sábado 2 de abril, coa celebración do Campionato Galego Infantil Mixto da disciplina, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 20:00 horas e no que está prevista a participación de entre sete e oito equipos (o sorteo e o calendario de competición aínda están por definir). “Entre esta fin de semana e a que vén -indicou o presidente do CW Pontevedra- teremos a máis de 200 rapaces xogando ao waterpolo unha vez máis nesta cidade, que é xa a casa do waterpolo galego, pois case tódolos campionatos os asumimos aquí, con moito cariño e con moitas gañas”.


Para Tino Fernández, “é unha satisfacción ver como pouco a pouco imos recuperando a normalidade tamén na celebración de campionatos de diferentes deportes e de deporte galego de calidade”. Segundo subliñou o tenente de alcalde, “o waterpolo é un deses deportes que tendemos a considerar minoritarios, pero que en Pontevedra ten unha importante implantación e que tivo ademais un crecemento moi significativo durante a pandemia, froito dun traballo moi ben feito por parte do club”. “Desde o Concello -afirmou o concelleiro de Deportes- hai que agradecerlle ao club, á Deputación Provincial e á Secretaría Xeral para o Deporte a dispoñibilidade das instalacións e o traballo para organizar este tipo de eventos, que xa leva moito traballo organizalas en circunstancias normais, e aínda máis cando estamos a padecer unha pandemia. En Pontevedra imos seguir apostando polo deporte de elite, pero tamén polo deporte de base, posto que cremos que a base é a masa crítica necesaria para poder organizar eventos de maior nivel”.


A deputada provincial de Cohesión Social amosouse “encantada de que se volvan celebrar estes campionatos” despois “dunha terrible pandemia que fixo que os nosos nenos e nenas non puideran competir”. Olga García Ballesteros agradeceu ao CW Pontevedra o esforzo na organización destes campionatos, nos que xogarán rapaces e rapazas “que son o noso futuro e é por eles, pola base, polos que hai que apostar para que o día de mañá sexan compoñentes do equipo que represente á cidade”.


Pola súa banda, Carlos Touriño resaltou que “Pontevedra volve outra vez ás andadas e as andadas son boas”, pois xa leva organizados “dous campionatos nesta fase final da pandemia e agora regresa organizando outros dous seguidos, neste caso para os máis pequenos”. “A semana seguinte á do Campionato Infantil -avanzou o presidente da Fegan- teremos o Campionato de España por Autonomías, ao que virán a competir tódolos nenos e nenas que nos van representar a nivel nacional. Dos 26 que van, Pontevedra ten a nove, e iso quere dicir moito do traballo que fan, xa non só a nivel organizativo senón tamén a nivel técnico”.


Os horarios e o sistema de xogo

Entre as medidas específicas contra a Covid-19 que se implementarán nestes encontros figuran o uso obrigatorio de mascarilla no interior da piscina e o mantemento da distancia de seguridade na medida do posible. Os partidos do Campionato Galego Benxamín iniciaranse ás 15:30 horas e terán unha duración de seis partes de tres minutos, cun minuto de descanso entre partes (sen tempos mortos): CW Cambre – CW Pontevedra (15:30 horas), CW Pontevedra – CW Santiago (16:45 horas) e CW Santiago – CW Cambre (18:00 horas). En caso de empate, haberá dous períodos de tres minutos xogando a ‘morte súbita’ (gaña o que marque) e, se transcorrido ese espazo de tempo continúa o empate, tras cinco minutos de descanso, lanzarase unha quenda de penaltis (cinco cada equipo e, en caso de empate, lanzamentos até que un dos dous falle).


Os encontros de cuartos de final do Campionato Galego Alevín darán comezo ás 10:00 horas co partido entre CW Santiago e RCN Vigo. Ás 10:30 horas o CW Pontevedra enfrontarase ao CM Ferrol e ás 11:00 horas o CWC Rías Altas xogará contra o CW Cambre. As semifinais e os encontros de 5º, 6º e 7º posto desenvolveranse entre as 11:30 horas e a final e o 3º e 4º a partir das 16:00 horas.

Os partidos de cuartos de final, semifinal e 5º, 6º e 7º posto terán unha duración de catro partes de cinco minutos a tempo corrido, cun minuto de descanso entre partes, mentres que os das finais durarán seis partes de catro minutos, cun minuto de descanso entre partes (sen tempos mortos). En caso de empate, haberá dous períodos de tres minutos xogando a ‘morte súbita’ e, se transcorrido este espazo de tempo continúa o empate, tras cinco minutos de descanso, lanzarase unha quenda de penaltis.