A Concellería de Deportes destina 8.000 euros a apoiar a organización dos campionatos galegos de pista de piragüismo

80

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde vén de impulsar un convenio de colaboración coa Federación Galega de Piragüismo co obxectivo de apoiar a organización dos campionatos galegos de pista Sénior e Júnior (18 e 19 de xuño), Infantil (9 de xullo), Cadete (10 de xullo) e Veteráns (23 de xullo). En base a este acordo de colaboración, o departamento que dirixe o socialista Tino Fernández concederá a esta entidade unha achega de 8.000 euros, podendo solicitarse pola beneficiaria o pago anticipado de ata o 60% desta cantidade.


Segundo salienta Tino Fernández, “os eventos deportivos para os que se solicita axuda son probas de grande interese público e social, polo elevado número de participantes e espectadores e polo nivel deportivo das probas, así como pola promoción do deporte de base, o turismo e a economía do noso municipio”. “A súa celebración -explica o edil do PSOE- na cidade suporá, por un lado, a posta en valor da actividade física e deportiva e, por outro, o fomento e difusión de Pontevedra como promotora de competicións dun destacado nivel deportivo, promovendo a súa imaxe e a súa oferta cultural, turística, comercial e deportiva. A importante repercusión e difusión das probas e o elevado número de participantes e espectadores que se achegan á cidade fan que os campionatos teñan un enorme retorno económico para a veciñanza”.


Asemade, este convenio enténdese como unha medida de fomento da práctica de actividades deportivas e de lecer en Pontevedra e de impulso da estrutura asociativa local e autonómica para que se poidan organizar no noso municipio eventos deportivos de alto nivel.