O Coche de Punto entra na recta final da súa fase de probas con máis de 1.700 quilómetros percorridos polos usuarios
177
Demetrio Gómez, no momento da presentación dos datos da fase de probas.
A medida que os usuarios coñecen o servizo fan un uso maior do mesmo, cunha diferencia entre febreiro e marzo de máis de tres viaxes por día
O concelleiro de mobilidade, Demetrio Gómez, confía en poder comezar co funcionamento oficial do sistema de transporte a demanda entre finais de ano e principios do que vén
O Concello de Pontevedra avanza no proxecto de posta en marcha dun servizo de transporte a demanda e entra na recta final da primeira fase de probas do chamado Coche de Punto. O concelleiro de Mobilidade, DemetrioGómez, deu conta esta mañá dalgúns dos datos que foron colleitados neste tempo e que poden ser de interese á hora de entender o funcionamento e as dinámicas no futuro servizo público promovido polo Concello de Pontevedra.
«Tratamos de someter o servizo ao maior estrés posíbel ao longo destas semanas, tal e como comentaramos no pasado», sinalou o edil. «Está funcionando perfectamente, o cal non quere dicir que poidamos ter constancia dalgún erro puntual, mais para iso é a fase de probas, localizalos, puílos e seguir traballando. Os erros que aparecen xa non é que sexan máis ou menos, que son menos, Senón que son anecdóticos como por exemplo a aparición dun enderezo en Campañó que coincide con outro na Coruña e por algún motivo a intelixencia artificial da aplicación escollía o máis afastado…. Agora xa está corrixido este problema e sempre se escolle o punto máis próximo a Pontevedra no caso de coincidencia».
Até o día de hoxe, nos últimos 37 días foron realizadas 291 viaxes, o que resulta nunha media de 7,86 viaxes por día, cun pico de usuarios o 17 de febreiro e o 8 de marzo —con 14 viaxes— e un pico á baixa o 1 e o 3 febreiro, e o 2 de marzo —con 0 viaxes—. Porén, é posíbel facer fincapé na media mensual, que quedaría cun mes de febreiro cunha media de 6,45 viaxes por día, e unha media en marzo de 9,52 viaxes por día; o que deriva nunha clara tendencia á alza e que en palabras de Gómez partiría a idea de que «segundo as persoas van coñecendo o sistema do Coche do Punto máis o usan. Supoñemos que aumentará moito máis unha vez solucionemos todos os problemas de accesibilidade que teñen, por exemplo, as persoas maiores, co rexistro ou o uso da aplicación. Aínda sen iso, vemos como aumenta o número de viaxes»
Doutra banda, durante a fase de probas foron percorridos un total de 1.742 quilómetros —o límite marcado para a finalización da fase de probas é de 3.000, mais non se espera chegar a el antes do 31 de marzo, data de finalización da mesma—. En febreiro isto sería derivaría nunha media de 37,3 quilómetros ao día, e en marzo de 58,47 quilómetros ao día de media. De novo é posíbel percibir ese aumento.
A día de hoxe, o servizo conta con 46 persoas usuarias. A media de viaxes por persoa sitúase en 6,32. A persoa que máis usos realizou chegou até os 41, logo dez persoas só fixeron unha viaxe, mais a moda —o dato que máis se repite entre os usuarios— é de 2 viaxes —trece persoas usaron o servizo dúas veces—.
A duración media da viaxe situase nos 12 minutos, cun custo medio de 11 euros por viaxe. O promedio de persoas viaxeiras no coche é de 1,21, polo que principal son viaxes individuais. «É normal, pois aínda non é un transporte xeralizado», explicou o edil, que tamén lembrou que esta semana o Concello recibira o informe positivo desde a Xunta de Galicia para a modificación da ordenanza de taxi de Pontevedra, e permitir que o Coche de Punto poida ser implantado ou usado a través desta rede.
«Todo segue en marcha e no camiño, polo que non vemos motivo para que o Coche de Punto no se poña a funcionar antes da primavera do ano que ven, entre finais do 2022, principios do 2023», finalizou Gómez.