O Concello reclámalle a Xunta un estudo sobre os efectos para a saúde que podería ter o proxecto do parque eólico dos Cotos

19
Ademais de solicitar máis información sobre a contaminación electromagnética de baixa frecuencia, os informes do Concello de Pontevedra sinalan o impacto paisaxístico que podería ter o proxecto no monte da Fracha e o risco evidente para algunhas especies protexidas 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá dos asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mesma. Un deles xirou ao redor dos informes municipais ao respecto do parque eólico dos Cotos.

«A verdade que levamos xa un tempo sabendo das diversas protestas que hai en todo o país contra a política enerxética da Xunta de Galicia que semella ir encamiñada a desenvolver unha política de instalación de parques eólicos sen ter en conta nin os mínimos requisitos que se deben manter para a súa montaxe», sinalou Gulías. «Queremos facernos eco das protestas veciñais que está xerando nos tres concellos afectados o proxecto do parque eólico dos Cotos, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Pontevedra».

«O Concello de Pontevedra emitiu tres informes distintos sobre o parque: un da Oficina de Medio Ambiente Natural, un de Arqueoloxía e outro desde a Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento. Os tres informes recollen a preocupación sobre cuestións que teñen que ver co medio ambiente, mais tamén co seu impacto na saúde e a proximidade a núcleos veciñais», explicou a edil. «O da Oficina de Ambiente Natural, por exemplo, fai fincapé no impacto que poder en especies protexidas como o escribano paluestre ou a folosa acuática. Os informes da Xunta din que non terían impacto sobre esta fauna, pero os informes técnicos do Concello queda reflectido que non se recollen os períodos de migración das aves, o que si xeraría un impacto nestes animais».

A portavoz do Goberno tamén comentou o impacto paisaxístico que o parque pode ter, como no caso do miradoiro da Fracha, que na Xunta especifican que non tería impacto algún, mais o informe non dá conta do «recente investimento dentro deste lugar, xa que non existe só un miradoiro, senón catro a día de hoxe e si se ven afectados pola instalación, dous deles orientados directamente cara a liña eléctrica proxectada, polo que o impacto visual sería importante. Tampouco hai mención aos riscos de incendio por mor da liña eléctrica, cousa que nos parece realmente relevante; nin aparecen en ningún lugar os efectos da contaminación electromagnética de baixa frecuencia sobre a poboación, e queremos que se faga un estudio máis exhaustivo e detallado sobre isto. Os nosos informes si recollen sentenzas neste eido que recoñecen que esta contaminación pode ser potencialmente perigosa para a saúde».