A Concellería de Igualdade pecha mañá o programa de actividades organizadas este mes co gallo do 8M cun pase do monólogo teatral A Síndrome de Lis

33

O programa organizado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra arredor do 8M pechará mañá o seu calendario de actividades de marzo cun pase do monólogo teatral A Síndrome de Lis, escrito e dirixido por Diana López Varela e interpretado por Rocío Barrio. O espectáculo, con entrada de balde, terá lugar na Sala Karma (rúa Marqués de Riestra, 34) a partir das 20:00 horas e as persoas que queiran asistir deberán dispoñer de convite ou reservar praza previamente no teléfono 986 864 825 ou no email igualdade@pontevedra.eu.


Trátase dun monólogo teatralizado dirixido a público adolescente (+14) e adulto, cunha duración duns 70 minutos, no que, en clave de comedia, a protagonista fará un repaso á súa vida e ós seus éxitos e fracasos, coa autoestima como fío condutor (e destrutor). Os trastornos de ansiedade e a depresión, a síndrome da impostora, o acoso sexual e a proxección dunha falsa imaxe nas redes son temas que conflúen nesta peza.