Os talleres divulgativos do proxecto ‘O teu cole na historia’ chegan ao CEIP Cabanas (Salcedo) e ao CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro)

15

O proxecto ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros, continúa a desenvolver os talleres divulgativos destinados a explicarlle ao alumnado o contido e o significado dos murais realizados durante a primeira fase do programa. Así, o equipo creativo de Polo Correo do Vento (Carlos Taboada e Kike Mauricio) e o músico Antón Ke protagonizaron onte unha sesión con 35 nenos e nenas de 2º de Primaria, 32 de 1º de Primacia e 25 de Infantil do CEIP Cabanas (Salcedo) e hoxe pola mañá achegáronse ata o CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro) para compartir relatos orais e música con 37 rapaces de 2º de Primaria e 35 de 1º de Primaria.


Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “as figuras centrais da intervención artística efectuada nos accesos ao CEIP Cabanas son a mestra e pedagoga Ernestina Otero e o enxeñeiro agrónomo, xenetista e veterinario Cruz Gallástegui”. A parte superior do mural amosa unha vasta viaxe no tempo, ao representar a parte máis antiga da historia do colexio, coas cabanas prehistóricas, os petróglifos de Mato das Cruces, o Castro das Moas e os Muíños do Batán. Na parte inferior ten lugar a historia máis recente da súa contorna, vencellada á Misión Biolóxica, que desde 1928 ten as súas instalacións no Pazo de Gandarón, en Salcedo. Á esquerda do mural, Ernestina Otero leva de excursión ao seu alumnado, e á dereita, Cruz Gallástegui amósalles como se realiza a polinización do millo.


No caso do mural interpretado esta mañá no CEP Marcos da Portela, o poeta do século XVIII natural de Monte Porreiro que lle dá nome ao centro educativo e que Sarmiento cita nas súas coplas é un dos principais protagonistas. “Ademais da personaxe inmortalizada por Valentín Lamas Carvajal na primeira publicación en galego, bautizada co nome de O Tío Marcos d’a Portela, nesta intervención artística tamén aparece (na súa parte baixa) o propio Pai Sarmiento, escribindo sobre o poeta ao abeiro do Carballo de Santa Margarita, patrimonio natural da nosa cidade, e en presenza dunha vacaloura”, sinala Tino Fernández. Da outra beira, dende o Mirador de Monte Porreiro, enxérgase o tramo final do río Lérez e abaixo, á esquerda, aparece representada Josefa Iglesias Vilarelle, mestra de Mourente, autora dun Método de Lectura en Galego (o primeiro do seu xénero) que foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1932.