Ben Veñas Maio regresa un ano máis engadindo unha nova modalidade centrada na creatividade e a lingua a través das redes
64
Presentación do cartel e as bases do Ben Veñas Maio 2022.
O I Certame de vídeos de Tik Tok e Reels de Instagram compartirá cartel co resto de modalidades: musical, curtametraxes, fotografía, poesía, banda deseñada e narración curta
Centos de alumnos e alumnas dos IES e CIFP da cidade participarán nas diferentes disciplinas dunha das citas máis lonxevas e coñecidas da Boa Vila
Rematado maio e ás portas de abril, a presentación do Ben Veñas Maio é case unha tradición na cidade de Pontevedra, logo de case 30 anos de historia. Vinte e nove anos cumpre nesta edición o certame multidisciplinar coordinado polo equipo de normalización e dinamización da lingua galega dos IES e CIFP de Pontevedra, en colaboración co Concello de Pontevedra.
A clásica cita retorna un ano máis, mais faino con certo aire de renovación. A maiores das modalidades habituais, aparece este ano o I Certame de vídeos de Tik Tok e Reels de Instagram, un novo formato que garda relación co auxe das redes sociais, a creación propia e a autonomía dixital. Os participantes nesta nova modalidade deberán crear pezas orixinais e en lingua galega, de temática libre; co obxectivo de tentar crear o mellor contido posíbel e, con algo de sorte e traballo, lograr un dos dous premios nesta categoría.
Coma sempre, tamén estará presente o Certame Musical Ben Veñas Maio, amais dos certames de Curtametraxes, de Fotografía, de Banda Deseñada, de Narración Curta e de Poesía. As bases de cada unha das modalidades poden ser consultadas a través da páxina oficial do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.
«Chega a primavera e coa primavera chega o Ben Veñas Maio. Un conxunto de certames que nin a pandemia logrou paralizar, e que desta volta regresa con aínda máis forza se cabe», explica o concelleiro de Normalización, AlbertoOubiña. «Son xa 29 edicións que atopan o seu comezo como unha iniciativa dos propios centros pero que desde o ano 2000 o Concello tamén colabora de xeito activo na súa organización, botando unha man en todo o posíbel e sumando novas modalidades e certames».
«Ademais do novo certame de Tik Tok e Reels, cómpre prensar no Ben Veñas Maio como unha entidade maleábel, na que probar cousas, ver como funcionan, e no caso positivo, seguir apostando por elas. É unha cita que o permite», comenta o edil. «Contaremos, ademais, con apoios externos para a realización de obradoiros nos centros, coma Nós Televisión, para que lle boten unha man á rapazada cos vídeos; tamén contaremos con Paula Andrés para a fotografía e con Kiko Dasilva, un luxo, xunto con Zaida Novoa, mestres ambos os dous no Garaxe Hermético, a escola pontevedresa de banda deseñada. Queremos que a xente participe, que a rapazada teña unha base coa que poder facer as súas propostas e da maior calidade posíbel».
Outra das novidades deste ano é a recuperación presencial do certame musical, logo de non ser posíbel a súa celebración por mor da pandemia e as medidas sanitarias aplicadas. Nese sentido, o Local de Música fará tamén de base de operacións e de promotora para animar a rapazada a tocar e preparar o concurso. Seguindo coas recuperacións, tamén se retomará a gala de premios, que será o sábado 7 de maio no Pazo da Cultura, coincidindo coa final do certame musical e serán lidas e olladas algunhas das propostas deste 2022. «Queremos que sexa unha gala na que volver atoparnos, a escasos dez días do 17 de maio, Día das Letras Galegas; sempre coa disposición de fomentar o uso da lingua e de poñela en valor; para nós como Concello e fundamental poder colaborar nesta cita e ter un ano máis Ben Veñas Maio».
AidaPazosQuintillán, coordinadora este 2022 do certame, indicou que «O Ben Veñas Maio contacta cos adolescentes dos centros públicos da cidade, tendo como prioridade a lingua galega, alén de calquera competición. O alumnado desenvolven as súas habilidades artísticas e creativas, pero sempre a través do galego».
«Debo dicir que é un evento agardado, que conta sempre cunha participación moi grande e que agora recuperaremos a gala e o concurso musical. Sempre é unha gala de xuventude, pero que queda aberta a todo o mundo», explicou a profesora.