A comunidade con diversidade sensorial protagoniza a xornada ‘Vive a Vida’ no Hospital Provincial

8

O tenente de alcalde e concelleiro de Saúde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participaron esta tarde no Salón de Actos do Hospital Provincial, xunto coa presidenta da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), María Jesús Monterde; a subdirectora de Procesos Asistenciais da Área Médica de Pontevedra, Dolores Pan, e a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros, no acto inaugural da I Xornada Sociosanitaria da Comunidade con Diversidade Sensorial ‘Vive a Vida’. O evento tivo entrada de balde e foi organizado por Xoga co gallo dos días internacionais do Implante Coclear (25 de febreiro) e a Audición (3 de marzo) en colaboración coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo), a Federación Española de Sordoceguera (Fesoce), a Deputación, o Sergas e as concellerías de Saúde e de Benestar Social do Concello de Pontevedra. 


Durante o acto de presentación, Tino Fernández puxo en valor “o incalculable labor” desenvolvido polas familias e polo tecido asociativo que conforman as asociacións sociosanitarias para que poidamos desfrutar dun “da mellor sanidade do mundo”, lembrando que visibilizar o seu traballo foi precisamente a motivación que levou á Concellería de Actividade Física e Saúde a organizar a Feira da Saúde e o Benestar PonteSan, que este mes de maio celebrará a súa terceira edición. Pola súa banda, Marcos Rey fixo fincapé na boa sintonía que a Concellería de Benestar Social mantén co colectivo Xoga e que se está a traducir en proxectos tan exitosos no ámbito da interpretación en lingua de signos como os programas Comunico e Manciñas.


A primeira das charlas da Xornada Sociosanitaria centrouse no ‘Implante pezoeléctrico bilateral’ e foi protagonizada polas doutoras Nieves Rodríguez e Tamara González. A continuación, o vicepresidente de Asearpo, Juan José Otero, e a súa secretaria, Maribel Vázquez, impartiron unha conferencia sobre o ‘Traballo dunha asociación polo paciente’.


Pechou esta primeira edición de ‘Vive a vida’ un relatorio da psicóloga Cristina Pereira titulado ‘Xordeira e autismo. Puntos en común’.