A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá ata a planta baixa da Casa Azul para presenciar os primeiros compases do proxecto de mellora da inserción laboral ‘Ponte ao Choio! Desenvolvendo o teu futuro’, cuxo Circuíto Curricular e charlas desenvolveranse durante toda a xornada de hoxe e de mañá. Tras presenciar os labores de asesoramento integral efectuados polo equipo que encabezan Noela Quintana, consultora en RRHH e formadora; Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, e Damián Pazos, da firma Pixelecer Audiovisual e experto na confección de videocurrículos, a edil socialista amosouse “sumamente contenta” co seu bo facer, tanto que xa avanzou a súa intención de repetir este programa.
“Dá gusto ver por aquí a mozas xoves, recén saídas de estudar, con gañas de facer un bo currículo. E diso se trata, de axudar a conseguir un bo traballo. Hai xente de tódalas idades, desde os 18 anos até os cincuenta e pico… Hai unha consulta personalizada, que permite ver que tipo de CV é o máis axeitado en función dos estudos”, salientou Yoya Blanco.
O principal obxectivo de ‘Ponte ao Choio!’ é o de ofrecerlles aos pontevedreses e pontevedresas un asesoramento integral no proceso de busca de emprego, contando para isto cun ‘dream team’ de profesionais de diferentes ámbitos que axudarán de balde ás persoas participantes (preto de 40) a optimizar a súa imaxe e ‘venderse’ mellor.
A través deste programa, os asesorados e asesoradas poderán adquirir un papel activo no seu proceso de procura de emprego, así como unha formación, adestramento e imaxe persoal que melloren as súas posibilidades de inserción laboral. Deste xeito, achegaránselles as ferramentas necesarias para crear un CV único e orixinal, axustado á súa profesión ou obxectivo profesional, así como material gráfico de calidade (fotografía e videocurrículo) que poidan utilizar en función das súas necesidades, xa sexa online ou offline.Entre as accións deseñadas inclúese un Circuíto Curricular que se desenvolve en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas e que está integrado por tres áreas de intervención diferenciadas: asesoramento do currículo, fotografía curricular e videocurrículo. Asemade, hoxe pola tarde celebrarase un obradoiro/charla titulado ‘Que di o teu CV de ti?’ e mañá outro sobre ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, ámbolos dous en horario de 18:00 a 20:00 horas.
As persoas participantes están a aprender técnicas para elaborar un bo CV, coa finalidade de transmitir de forma axeitada o seu perfil profesional nos procesos de selección nos que participen. Este taller organizase de dous xeitos: en sesións individuais ou reunións ‘one to one’ de 25 minutos (con reserva previa) nas que os participantes dispoñen dunha sesión coa orientadora, centrada en analizar o seu CV e establecer melloras personalizadas en función da súa experiencia profesional, habilidades, competencias; e nunha sesión grupal con enfoque práctico e participación activa, na que a orientadora exporá aos asistentes pautas, ideas, consellos, recomendacións e boas prácticas de formato e contido para a correcta redacción e estruturación do CV e/ou carta de motivación (que información incluír, erros típicos, uso de plantillas…), así como ferramentas innovadoras para a promoción persoal (CV 2.0 ou CV dixital, videoCV ou perfil profesional na rede).
No obradoiro/charla sobre ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, as persoas que participen poderán aprender técnicas de preparación dunha entrevista de traballo para acadar o éxito, expoñéndoselles a estrutura xeral dunha entrevista, tipoloxía, probas psicotécnicas e dinámicas de grupo, preguntas frecuentes, que facer antes e despois da entrevista e consellos para o seu desenvolvemento. O enfoque desta sesión será práctico, levándose a cabo exercicios de ‘role playing’ e simulacións de entrevistas entre os participantes.
O Circuíto Curricular dispón dun apartado de fotografía profesional, no que Beatriz Císcar está a realizar fotografías en alta calidade axeitadas á tipoloxía de perfil de cada persoa, xa sexa para CV ou para redes sociais vinculadas á procura de emprego. Con este tipo de fotografía búscase transmitir a personalidade e reflectir os valores, actitude e presenza das persoas participantes. Para conseguilo, crearase un contorno de creatividade, utilizando diferentes fondos (branco e madeira) e fomentando a interacción coa persoa a retratar, creando un ambiente distendido e adecuado para sacar o mellor de cada unha delas.
No que atinxe á terceira pata deste asesoramento integral, a da creación do noso propio videocurrículo, os asistentes aprenden a elaboralos de dous tipos:
1. Videocurrículo express: un vídeo máis rápido e sinxelo, para a xente que non pode contar demasiado no currículo e non necesita adornalo innecesariamente.
2. Videocurrículo estándar, que ademais de ter os puntos clave do videocurrículo express, profundiza na experiencia e naquelo que poda contar o suxeito se o require.