Promoción Económica abre un prazo de consulta pública para recoller a opinión e suxestións da cidadanía e das organizacións máis representativas na nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante

84

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, vén de asinar unha providencia pola que se abre o trámite de consulta pública para recabar a opinión da cidadanía e das organizacións máis representativas de cara a elaborar unha nova Ordenanza Reguladora da Venda Ambulante. Deste xeito, todas aquelas persoas interesadas e potencialmente afectadas pola modificación normativa dispoñen dun prazo de 20 días hábiles (que rematan o día 3 de maio) para presentar as súas suxestións e propostas a través do formulario web habilitado no seguinte enlace da páxina web do Concello de Pontevedra: https://www.pontevedra.gal/participa/danos-tua-opinion/participacion-ordenanza-reguladora-da-venda-ambulante/.


Yoya Blanco lembra que “a actual Ordenanza de Venda Ambulante foi aprobada polo Pleno o 17 de xaneiro de 1997 e os cambios que tiveron lugar neste tempo, tanto fácticos como lexislativos, xeraron a necesidade de redactar unha nova ordenanza que regule esta fórmula comercial tan arraigada historicamente”. “Despois de 25 anos de aplicación da ordenanza vixente -explica a edil do PSOE- observáronse multitude de circunstancias que deben ser obxecto de regulación ou modificación, polo que se considerou conveniente deseñar unha nova regulación que se adapte aos novos escenarios socio económicos, á vez que consiga dar resposta aos problemas detectados na súa interpretación e aplicación”.


Así pois, o obxecto de redactar unha nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante é evitar a súa obsolescencia e dispoñer dun instrumento normativo que dea resposta aos seguintes aspectos:


– Actualización e modernización do concepto xeral de venda ambulante, adaptándoo as novas necesidades sociais, co fin de evitar a perda de importancia para o consumidor.

– Normas de funcionamento dos mercados ambulantes.

– Relacións entre o Concello de Pontevedra e os titulares de postos.

– Delimitación dos posibles usos admisibles nos mercados ambulantes.

– Regulación dun réxime sancionador, con específica tipificación de infraccións e sancións, e delimitación de competencias na materia.


Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, “na actualidade, os mercados de venda ambulante deben ser entendidos como un espazo público, xestionado directamente polo Concello, que integra a un colectivo de vendedores que comparten a utilización de espazos e instalacións de uso público”. “Ao ser diversos os aspectos a modificar -aclara Yoya Blanco-, considerouse mais conveniente aprobar unha nova ordenanza que limitarse a modificar a existente. Antes de afrontar a súa redacción definitiva, queremos abrir esta fase de consulta pública para recabar a opinión de cidadáns e colectivos afectados sobre os problemas que se pretenden solucionar, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas reguladoras e non reguladoras”.


Nestes momentos, o mercadillo ambulante de Rafael Areses conta con 89 postos dispoñibles, dos que 34 están vacantes, mentres que o que se celebra en Estribela dispón de 56 postos, dos que 26 están libres.