Benestar Social solicítalle á Xunta unha achega económica de 2,1 millóns de euros para a execución dos programas desenvolvidos ao abeiro do Plan Concertado

20

A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá solicitarlle á Consellería de Política Social unha achega de 2,1 millóns de euros en concepto dos gastos de persoal, prestación do Servizo de Axuda no Fogar e execución dos distintos programas de Benestar Social desenvolvidos polo Concello de Pontevedra ao abeiro do Plan Concertado para o ano 2022. Ao mesmo tempo, o equipo de Goberno tamén aprobou a programación confeccionada pola Concellería que dirixe o socialista Marcos Rey para a realización dos distintos programas de servizos sociais comunitarios, que suman un orzamento global de máis de 4,3 millóns de euros: 1.049.842,51 euros a persoal, 179.040 ao servizo básico de Axuda no Fogar, 2.440.912 euros ao servizo de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes e 709.625,87 aos programas de Información e orientación, Apoio á unidade de convivencia, Aloxamento alternativo, Actuacións específicas de prevención e inserción e Prestacións complementarias.


Tal e como precisou Marcos Rey, “aínda que as competencias nesta materia lle corresponden á Xunta, o Concello de Pontevedra asume algo máis da metade destes investimentos do Plan Concertado, polo que a cantidade que lle solicitamos ao Goberno autonómico é só un 50% do que en realidade tería que aportar”. Deste xeito, a achega municipal aprobada pola Xunta de Goberno para o ano 2022 sería de 2.122.351,69 euros, dos que 703.902,51 euros irían a persoal, 157.555,20 ao programa básico de Axuda no Fogar (engadida a parte dos/as usuarios/as), 854.319,20 ao programa de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes e 406.574,78 para o resto de programas descritos.


No que atinxe ás cantidades concretas que se lle solicitan á Xunta de Galicia, os investimentos destinaríanse aos seguintes ámbitos:


Persoal (345.940 euros):


-12 postos de traballador social (16.815,00 €/persoa).

– 1 posto de titulado medio (16.815,00 €/persoa)

– 3 postos de titulados superiores (20.229,00 €/persoa).

– 2 postos de administrativos (15.144,00 €/persoa).

– 2 postos de auxiliares administrativos (13.472,00 €/persoa).

– 1 posto de ordenanza (9.426,00 €/persoa). 


Programa básico de Axuda no Fogar: 21.484,80 euros.


Programa de Axuda no Fogar para Persoas Dependentes: 1.586.592,80 euros.


Programas de Información e orientación, Apoio á unidade de convivencia, Aloxamento alternativo, Actuacións específicas de prevención e inserción e Prestacións complementarias: 150.000 euros.