O Ganapán prepárase para celebrar a Semana Santa cunha programación especial diaria entre o 9 e o 18 de abril

24

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Mercado de Abastos, prepárase para celebrar a Semana Santa por todo o alto, cunha programación especial que desenvolverá actividades diarias entre o sábado 9 e o luns 18 de abril. Todos aqueles nenos e nenas de 4 a 10 anos que desexen inscribirse nos talleres de Pascua organizados deberán reservar a súa praza desde hoxe a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, facilitando a seguinte información: nome e apelido do rapaz, idade, teléfono, día e hora na que queren inscribirse, indicar se é para o Espazo Crea ou para o Espazo Gastro e alerxias ou intolerancias alimenticias.


Segundo aclarou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “dado que todas e cada unha das crianzas de Pontevedra fan parte da comunidade do Ganapán e debido ás restricións que aínda temos por mor da Covid-19, á hora de outorgar as prazas, o Concello daralle prioridade aos nenos e nenas que se inscriban por primeira vez e que non tiveran participado en ningún obradoiro nas últimas semanas”. “As prazas restantes -apuntou a edil do PSOE- encheranse por estrita orde de chegada da solicitude de inscrición e en función da última vez que tiveran participado no Ganapán. Aquelas persoas que se inscriban e non acudan ao taller, e que non avisen da súa ausencia, deberán agardar un mes para poder realizar unha nova inscrición. Os rapaces que finalmente entren no obradoiro terán unha notificación por correo electrónico como máximo o día anterior á realización da actividade. Haberá listaxe de agarda e contactaremos cos seguintes se alguén se dá de baixa”.


No que atinxe ao contido dos obradoiros, Yoya Blanco avanzou que “os máis larpeiros terán ocasión de elaborar receitas moi típicas da Semana Santa como torrixas, ovos de chocolate recheos, roliños de canela, boliños de Pascua, galletas chocolatadas de Coresma, rosquillas de anís ao forno ou monas de Pascua”. Aqueles que se decanten polas manualidades poderán confeccionar disfraces, antefaces e monicreques de coello, bolsos e lentes de Pascua ou colgantes de ovo con arxila. “Como vén sendo habitual, haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas. Prégase puntualidade, traer friameira para levar a casa os pratos cociñados e, sobre todo, moitas gañas de pasalo en grande”, subliñou a edil socialista.