O Laboratorio da Infancia pecha esta semana o ciclo de sesións abertas ao público coa exposición das conclusións dos Labs Medio Ambiente e Vida Saudable

9

O proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Sostible Integrado (Edusi), desenvolverá hoxe e o xoves as dúas últimas sesións abertas ao público xeral cos foros dedicados a Medio Ambiente e Vida Saudable, respectivamente. Ámbalas presentacións públicas, coas que se pretende implicar á cidadanía na iniciativa e convidala a realizar suxestións, comentarios e achegas que poderán ser engadidas no deseño da estratexia final, celebraranse na Casa das Campás (rúa Don Filiberto, 9) en horario de 19:00 a 20:30 horas.

O foro desta tarde sobre o Lab Medio Ambiente terá como relator ao licenciado e doutor en Bioloxía José Carlos Souto, director do Campus CREA e do Green Campus da Universidade de Vigo e profesor titular e investigador na Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo en Pontevedra, mentres que o do Lab Vida Saudable estará protagonizado pola doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Marián Fernández Villarino, profesora e investigadora no departamento de Didácticas Especiais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra. Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “trátase de que estes voceiros dos grupos de expertos manteñan un encontro co público xeral para expoñer as conclusións das súas respectivas mesas de traballo, buscando a participación dos asistentes”. “Esta proposta -lembra o edil- parte do potencial educador da cidade e pretende construírse de xeito colaborativo, e por isto, desde o pasado mes e ao longo desta primeira semana de abril organizáronse estes foros abertos ao público, con entrada de balde, na Casa das Campás”.

Ademais de José Carlos Souto, conforman o Lab Medio Ambiente os seguintes profesionais: 


– Manolo Domínguez Rei, licenciado en Bioloxía, posgrao en Xestión ambiental e militante ecoloxista. Traballa desde 2001 en divulgación e educación ambiental en Ventos-Estudos Ambientais desenvolvendo programas na materia para colexios, concellos, Xunta e asociacións, abordando tanto actividades de coñecemento do medio como da xestión ambiental. 

– Sergio Meis Casalderrey, mestre diplomado en Educación Musical e graduado en Educación Primaria con máis de 14 anos como docente na escola pública. Actualmente é profesor de primaria no CEIP Ponte Sampaio, contando xa con cinco participacións no programa Pontenciencia do Concello de Pontevedra. 


– Julio Valeiras Mota, biólogo e investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Participa no desenvolvemento de proxectos estratéxicos en España e Europa no ámbito das pescas e os ecosistemas mariños. Colabora en proxectos participativos de restauración ecolóxica e educación ambiental. Gran parte desta actividade a desenvolve na Sociedade Galega de Historia Natural, onde é delegado provincial en Pontevedra.


No que atinxe ao Lab Vida Saudable, compoñen a mesa de traballo xunto con Marián Fernández Vilariño:


– Gloria Landín Iglesias, licenciada en Medicina e Cirurxía e especialista en Pediatría e Áreas Específicas. Desde o 2007 é pediatra de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra. 


– María José López Cal, mestra de Educación Física. Na actualidade forma parte do equipo directivo do CEIP Plurilingüe A Reigosa, coordina o Proxecto de Vida Activa e Deportiva da Xunta e dinamiza actividades deportivas escolares en colaboración co programa Xogade. Tamén é adestradora e xuíza nacional de ximnasia rítmica con ampla experiencia nesta modalidade deportiva. 


– Silvia Massetti. Estudou Maxisterio e continuou a súa formación no Instituto Arxentino de Nutrición, onde ademais de aprender a fisiopatoloxía dos alimentos, tamén descubriu a importancia da práctica da actividade física axeitada para cada idade e o aspecto biopsicosocial das persoas.