A Concellería de Benestar Social lanza un novo espazo web que achega á cidadanía a golpe de clic tódolos servizos dispoñibles para os distintos colectivos vulnerables

68

No marco dun revolucionario proceso de actualización dixital e simplificación dos sistemas de atención á cidadanía, no que o Concello vén de incorporarse á Historia Social Única Electrónica (a Hsue, que permite un acceso inmediato a tódolos datos dos usuarios), a Concellería de Benestar Social deu hoxe un novo paso adiante coa posta en funcionamento dun novo espazo web específico inserido na xanela electrónica municipal: https://benestar.pontevedra.gal/. A páxina resume toda a actividade desenvolvida polo departamento que dirixe o edil socialista Marcos Rey, que se plantexou precisamente a activación deste sistema de información ao público como un dos seus primeiros retos ao asumir o cargo.


Ademais de contar coas habituais plataformas de organización do servizo e de intercomunicación coa cidadanía, o novo espazo dispón esencialmente de tres tipos de contidos. Por unha parte, a descrición dos propios servizos de Benestar que se prestan desde cada unha das sedes municipais: a Atención ás Necesidades Básicas, a Axuda no Fogar, teleasistencia, Atención Domiciliaria de Urxencia, Emerxencia Social, Inclusión das Persoas Menos Favorecidas, a Tarxeta de Estacionamento para as persoas que a precisan ou a Lingua de Signos. En cada un destes apartados existen enlaces a outros servizos tanto municipais como doutras administracións.


“Outro xeito de consulta -explica Marcos Rey- é o que se ofrece aos diferentes colectivos segundo a súa natureza ou características. Así, aparecen os relacionados coa dependencia, a familia, infancia e xuventude, persoas maiores, discapacidade, drogodependencias, migracións, incorporación socio laboral, minorías étnicas e persoas sen teito e transeúntes, colectivos que dispoñen informacións básicas sobre as prestacións ás que poderían ter dereito”.


En opinión do concelleiro de Benestar Social, “un dos capítulos máis novidosos e de moito interese para a cidadanía organizada é o que se dedica ao programa Proponte, que presentaremos este mesmo mes e que inclúe moita información sobre esta iniciativa que busca canalizar as enerxías das persoas que se organizan en favor da sociedade ou de colectivos específicos, e mesmo espazos de interacción coas persoas que no Concello están á fronte desta actividade”.


As persoas usuarias dispoñen ademais de dúas fontes de datos informativos ben acaídas, xa que nunha delas están reflectidas toda canta entidade social de cooperación existe no municipio, organizadas pola natureza temática da súa actividade. En total, ofrécense datos de case medio cento de entidades públicas, con accesos ás súas webs e contactos electrónicos. Trátase de asociacións socio sanitarias, de inserción laboral e de acción social.


Por outra banda, existe un capítulo que centraliza os datos de localización dos case 30 locais públicos ou semipúblicos que prestan servizo ás distintas actividades sociais que teñen lugar no Concello, con especial atención á Casa Azul, a principal referencia de espazo social da capital (que ademais funciona como sede de distintas entidades públicas).


Outros contidos de Proponte son os consellos para organizarse asociativamente e unha completa colección de Días Mundiais ou Internacionais que poden utilizarse para visibilizar os distintos propósitos que dan sentido á vida pública. Unha última sección, ‘Aparellos para mellorar’, ofrece enlaces a distintas publicacións de interese para realizar unha boa xestión asociativa desde o punto de vista legal e económico, no camiño de consolidar e optimizar os esforzos que as persoas voluntarias realizan nas entidades públicas.


O espazo electrónico complétase cunha xanela de actualidade e links aos principais servizos de tramitación electrónica que permite a web municipal.