O programa deseñado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, desenvolverá a vindeira semana unha das súas principais accións reivindicativas. A ilustradora e artista mural Nana iniciará o mércores 13 de abril, en colaboración co equipo de Culebra Studio, os traballos que permitirán plasmar nun enorme muro situado na rúa Eduardo Pondal unha intervención artística que reproducirá a potente gráfica creada pola propia Nana para esta campaña arredor do lema ‘Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres’.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, lembra que “o mural ocupará unha superficie de 40 metros cadrados (10 metros de ancho por 4 de alto) e exhibirá unha imaxe impactante coa que pretendemos subliñar con forza o protagonismo da loita pasada e presente das mulleres, do feminismo, pola igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades”. A imaxe que centra a intervención (e que centrou a cartelería da campaña) reproduce unha cadea humana de mulleres fortes, agarradas, soportándose unhas ás outras e loitando xuntas, cunha representación feminina diversa e interxeracional.
Formada na EASD Pablo Picasso, Nana conta cunha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, exhibicións e eventos tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art, San Fest, Derrubando Muros con Pintura, Violencia Zero, Elas Tamén Pintan, Vigo Ciudad de Color ou Loures Arte Pública, cun estilo colorista e orgánico que fai que a súa obra claramente feminista sexa persoal e inconfundible.
O muro sobre o que se plasmará durante varios días esta peza central do 8M sitúase á altura do número 3 de Eduardo Pondal: