A primeira fase de Noites Abertas finaliza con máis dun milleiro de persoas gozando das actividades promovidas co programa

44
Espazos de socialización e encontro libre como a Lámpada marabillosa demostran ser de especial valor para a rapazada logo das limitacións que lles impuxo a pandemia
Cada fin de semana, unha media de 266 persoas participou nas actividades programadas polo departamento de Xuventude na procura de alternativas de ocio saudábeis 

Alén da cautela e do «sentidiño» que todos debemos amosar por mor da pandemia, Noites Abertas pode dicir que logrou acadar esa normalidade que tanto botaba de menos. O programa municipal de Xuventude supera o milleiro de participantes —1066 e 53 persoas de público— no ecuador do seu calendario, o que só pode ser un indicador da gana que a mocidade teña de recuperar esta vía de socialización, aprendizaxe e ocio.

«Estamos moi contentos coa resposta da mocidade, ademais do funcionamento de todo o programa. É moi positivo ver como podemos recuperar este tipo de actividades e achar un interese tan masivo e con tanta gana de gozar con elas», explica o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña. «O programa entrará logo das vacacións de Semana Santa na súa segunda fase e agardamos que non só manteña o ritmo, senón que aumente. Está sendo unha experiencia realmente positiva para todos os implicados, tanto para a rapazada, como para os monitores e os organizadores».

Polo miúdo, o 90 % das participantes nas actividades foron mozos e mozas de entre 12 e 25 anos, sendo 541 os primeiros e 525 as segundas. Cada fin de semana, de media, Noites Abertas logrou chamar a atención de 266,5 persoas que participaron de xeito activo nalgunha das súas actividades, quedando demostrado que o programa funciona como un forte polo de atracción para a rapazada da cidade que procura alternativas de ocio saudábeis e de socialización positiva.

Dentro das actividades que máis éxito tiveron —e que contaron listaxe de espera— aparecen os doces veganos, a lámpada marabillosa, o obradoiro de escritura creativa e ilustración, o bordado mexicano, personaliza a túa totebag, xoiería con resina vexetal, eco-estampación, encadernación, bádminton libre e origami-colares.

Outras actividades de moito éxito —que completaron foro pero non deixaron persoas sen posibilidade de participar— estaría o curso de batería, baile galego, xadrez e os xogos de mesa non convencionais.

Só tres actividades tiveron que ser canceladas con antelación: origami, defensa persoal e sexualidade. A actividade específica do Plan de Prevención de Drogas contou con 8 persoas na súa primeira sesión.

«Queremos destacar, ou facer fincapé, nunha das actividades deste ano que xa presentamos no seu día, pero que supoñíamos importante. A Lámpada marabillosa, ese espazo de socialización e esparexemento que habilitamos na Casa Azul e que non ten unha finalidade concreta, máis aló que permitir a xuntanza, a conversa ou o xogo libre», sinala o edil. «Está resultando unha experiencia moi positiva, cunha concorrencia constante de participantes que buscan relacionarse, pasar un anaco agradábel ou coñecer outros mozas e mozas coma eles. É unha actividade importante, porque alén da vixilancia que hai, con monitores presentes, non é algo dirixido, é un espazo onde é a rapaza a que se expresa e fai o que considera, recuperando esa socialización que a pandemia restrinxiu e limitou».

Datos da Lámpada marabillosa:

• 01/04/2022: 22 persoas

• 02/04/2022: 19 persoas

• 26/03/2022: 41 persoas

• 25/03/2022: 14 persoas

• 19/03/2022: 30 persoas

• 18/03/2022: 36 persoas

• 12/03/2022: 30 persoas

• 11/03/2022: 46 persoas

Cómpre lembrar que o espazo ten un foro de 20 persoas, polo que as cifras superiores a tal número veñen posibilitadas polo propio movemento do lugar, con rapaces e rapazas que entran, saen e déixanlles sitio aos seguintes.