Desenvolvemento Sostible pon en marcha a contratación do proxecto que permitirá rehabilitar e acondicionar a antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez para convertela nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Pontevedra e Vilagarcía

100

Coa aprobación do expediente de contratación por parte da Xunta de Goberno Local esta mesma mañá, o Concello de Pontevedra puxo hoxe en marcha unha importante actuación pendente de executar con cargo aos fondos europeos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi): o proxecto de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, no contorno da praia fluvial, para convertela nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra. A obra, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, ten un orzamento de 200.159,99 euros, cofinanciado ao 80% pola UE con fondos Feder a través do Ministerio de Facenda do Goberno de España (160.127,99 euros) e nun 20% con fondos propios da Administración municipal (40.031,99 euros).


A contratación dos traballos seguirá un procedemento aberto, mediante un anuncio de licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público, de xeito que calquera empresa interesada poida presentar a súa oferta. “O Servizo de Contratación do Concello está xa a traballar na elaboración deste anuncio -explicou Iván Puentes durante unha comparecencia posterior á Xunta de Goberno-, de xeito que poida publicarse entre hoxe e mañá. A partir de aí, as empresas disporán dun prazo de 20 días naturais para presentar esas ofertas, polo que en 22 ou 23 días saberiamos xa cantas empresas están interesadas en facer esta obra e iniciaríamos o procedemento de apertura de propostas, valoración e, finalmente, adxudicación das obras, que teñen un prazo de execución de catro meses. Salvo imprevistos, a intervención estaría executada antes de finalizar o ano e en perfecto estado para ser desfrutada pola cidadanía”.


O proxecto consistirá basicamente en dar un tratamento de formigón sobre a ponte do ferrocarril, que substituiría á pedra que a vía ten neste momento; na substitución da varanda actual para facer unha máis segura, e nunha dobre conexión da ribeira esquerda do río Lérez co contorno da praia fluvial: unha cun itinerario accesible a través dunha senda en zigzag cun pavimento de formigón máis brando (semellante ao que hai nas sendas fluviais), muros de mampostería e pedra para salvar os desniveis, conter as terras e pechar esa senda, e unha escaleira de madeira que subiría directamente desde a zona na que se atopan a cafetería e os baños da praia fluvial ata a cota da antiga vía ferroviaria nese mesmo punto.


Non obstante, tal e como adiantou o edil do PSOE, á hora de valorar as ofertas, “o 70% dos puntos (70 sobre 100) daranse en base á proposta económica que se presente e un 30% reservaranse a posibles melloras indicadas no documento de contratación que as firmas poidan plantexar, sen custe a maiores para o Concello”. Entre esas melloras propostas para optimizar a actuación inicial inclúense as seguintes: 


1. A que máis se vai valorar, con ata 20 puntos, vai ser o tratamento vexetal (desbroce e axardinamento con especies arbustivas) de todo o noiro existente entre a cota da vía e a da avenida de Bos Aires. 

2. A posibilidade de que, sobre eses muros de mampostería que marcarán a senda que ascenderá ata a cota da vía se instale unha pequena varanda que faga máis seguro o percorrido (ata 5 puntos).


3. Na ribeira dereita do río se atopa o antigo túnel do ferrocarril e a pesar dos desexos do Concello de que puidese servir de conexión coa Xunqueira de Alba e con Médico Ballina, existe unha dificultade: a cara norte do túnel está tapiada (ten un recheo enriba, aproveitado para facer no seu día o parque infantil de Médico Ballina). “Coa Adif -indicou Iván Puentes- estanse a estudar diversas posibilidades técnicas para ver se resulta factible darlle un acceso ao túnel en superficie desde ese lado de Médico Ballina. Asemade, o túnel non foi obxecto de cesión ao Concello (apenas se cederon os catro metros iniciais). O que se cedeu foi só a ponte e, polo tanto, o túnel segue a ser propiedade da Adif e habería que iniciar un procedemento para a súa cesión no caso de que se puidera aproveitar”. Como solución provisional, plantéxase neste proxecto o tapiado provisional desa boca do túnel para gañar en seguridade e desde o punto de vista paisaxístico (outros 5 puntos).


Un primeiro chanzo que se completará cos tres millóns de euros concedidos para o Plan de Sostibilidade Turística e o BIC das Aceñas do Lérez


Iván Puentes salientou que “esta obra é necesario contemplala en conxunto e en relación con outras actuacións previstas nesta zona da cidade” e que se acometerán mediante a subvención de 2 millóns de euros concedida ao Concello para o desenvolvemento do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (dos que unha parte destinaranse a este proxecto de mellora da conexión da antiga ponte sobre o Lérez). En concreto, segundo lembrou Puentes, outra parte desta axuda orientarase “á construción dunha senda que lle dea saída á ponte cara á senda que discorre pola marxe dereita do río desde augas arriba, funcionando así como zona de paso entre as dúas ribeiras e como conexión de ámbalas sendas fluviais, e doutra senda que, no caso de non ser viable a solución técnica do túnel, ascendería ladeira arriba cara ao mosteiro de Lérez, e que, pola zona do centro de saúde, baixaría cara Médico Ballina, o contorno da Xunqueira e o Camiño de Santiago, dándolle así continuidade á vía verde”.


“Con outro millón de euros de fondos europeos concedido para investir en Bens de Interese Local (BIC) e que vén a través da Xunta, poderemos realizar a mellora dos salóns do Lérez, na zona das Aceñas, xa na parte máis próxima á ponte nova do ferrocarril”, matizou o concelleiro do PSOE.


Así pois, Iván Puentes considera este proxecto “como un primeiro paso para algo moito máis ambicioso para o que o Concello xa ten concedidos fondos e que lle dará o sentido definitivo a esta obra que se acometerá cos fondos Edusi”.


No que atinxe á posible continuidade da vía verde desde antiga ponte do ferrocarril cara a Arcade, o edil socialista precisou que a conexión ata a Estación de Trens “estaría incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino”, discorrendo por terreos de propiedade municipal e atravesando a avenida de Bos Aires e as zonas de Tafisa e Valdecorvos (o único ‘tapón’ sería a zona verde entre as vías ferroviarias e os edificios de Ernesto Caballero, pero hai xa unha sentencia xudicial que obriga ao Concello a expropialos e a incorporalos ao patrimonio municipal). “Da Estación cara a Arcade, falta o máis importante que é dispoñer da vía, pero o que nos transmiten desde o Goberno de España, desde a Fundación do Ferrocarril, é que o proxecto lles gusta e que estarían dispostos a transformar ese trazado en vía verde. A dúbida está en decidir se ese treito de vía se vai empregar ou non para o Corredor Atlántico de Mercadorías que está deseñando a UE”, engadiu Puentes.