Tino Fernández recibe á perla do waterpolo pontevedrés Álex Andión e felicítao pola súa imparable proxección e por gañar EuroCup co Club Natación Sabadell

42

En setembro de 2019, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu no Concello aos waterpolistas nados en 2003 e pertencentes á canteira do Club Waterpolo Pontevedra Alejandro Andión e Diego Touriño, xusto cando as perlas xuvenís da canteira pontevedresa viñan de ser fichados polo Club Natación Sabadell, un dos equipos máis importantes de España nesta disciplina. Apenas dous anos e medio despois de partir cara a Cataluña como unha promesa, e tal e como vaticinara o edil socialista naquela visita, Álex Andión volveu esta mañá ao Concello convertido nun xogador de primeiro nivel e vindo de proclamarse nada máis e nada menos que campión da EuroCup co seu club.


Acompañado do seu pai e do presidente do CW Pontevedra, José Tellería, o xogador trouxo consigo as medallas que acreditan algúns dos logros acadados neste curto período de tempo, entre eles unha Supercopa de España, unhas semifinais da Copa do Rei e a vitoria no que supón “o primeiro título europeo masculino conseguido polo Club Natación Sabadell”. Segundo explicou Álex Andión, forma parte dun plantel novo e con ilusión, “cun rol de axudar ao equipo, de júnior que pouco a pouco ten que ir gañando os minutos, sempre listo para cando o adestrador me precise e adestrando con eles todo o día”. “Hai por diante xente olímpica, que ten moitos anos dentro desta profesión, xente moza que xa se está a preparar para ir á Selección Absoluta e que seguramente vaia ás Olimpíadas de Francia, que son referentes que tiven nestes tres anos e dos que aprendín moitas cousas ao velos xogar. Voume facendo un oco aos poucos. O principal é desfrutar do waterpolo e xa se verá o que depara o futuro”, asegurou Andión.


O tenente de alcalde subliñou que “aproveitando que Álex estivo uns días por Pontevedra, quixemos facerlle este recibimento para amosarlle o noso cariño e para visibilizar que na nosa cidade hai deportistas de altísimo nivel, algúns dos cales, como é o caso de Álex, teñen que marchar fóra para seguir medrando”. En opinión de Tino Fernández, “que sexa todo un campión de Europa despois dun percorrido de tres anos no seu novo club fai que non poidamos sentirnos máis orgullosos del e do waterpolo pontevedrés, que segue crecendo e dándonos éxitos importantes”. “Agardamos que pronto poidamos ter un éxito máis e sexamos capaces de situar un equipo feminino un pasiño máis arriba, que non é pouca cousa. Desexámoslle a Álex un futuro cheo de éxitos, que nestes momentos pasan por participar na Champions, que son palabras maiores, e agardamos que este camiño que el abriu -sinalou o edil do PSOE- poida ser seguido por outros deportistas. Ter referentes competitivos nos ámbitos nacional e internacional é moi importante para xerar a masa crítica necesaria nos máis pequenos”.