O Ganapán celebra esta fin de semana o Día Internacional do Libro cunha oferta que inclúe talleres de creación de sinaladores de páxinas e aneis primaverais e obradoiros de elaboración de boliños preñados e donuts saudables

12

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos para fomentar a diversión dos nenos e nenas de 4 a 10 anos, regresa esta fin de semana cunha nova oferta de actividades que combina deliciosas receitas para os máis larpeiros e divertidas manualidades para conmemorar o Día Internacional do Libro e celebrar a primavera.


Os talleres darán comezo o sábado 23 de abril a partir das 12:00 horas, cun obradoiro de elaboración de boliños preñados no Espazo Gastro e outro no que os rapaces e rapazas terán ocasión de crear uns orixinais sinaladores de páxinas para utilizar nesta data tan indicada do Día do Libro. Tal e como avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “o domingo 24 de abril, tamén a partir das 12:00 horas, desenvolverase un taller no que os nenos participantes poderán elaborar uns donuts saudables, e outro no que elaborarán aneis primaverais con formas de flores, bolboretas, xoaniñas ou calquera outra cousa que lles inspire a primavera”.


Todos aqueles que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades, indicando no correo as posibles alerxias ou intolerancias. Recoméndase portar friameira para levar a casa as receitas cociñadas.