Pontevedra fará historia esta fin de semana coa espectacular e explosiva I Copa de España de Sprint de Piragüismo ao reunir en Verducido a oito medallistas olímpicos

214

Pontevedra vivirá esta fin de semana un acontecemento histórico para o piragüismo e o deporte pontevedrés, galego e español. A I Copa de España de Sprint reunirá no Complexo Deportivo David Cal de Verducido a ata oito medallistas olímpicos, a maior cantidade que se deu nunca cita na cidade nunha competición deportiva desta ou doutras disciplinas: Teresa Portela, Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Sete Benavides, Rodrigo Germade, Isaac Toro, Marcus Cooper e Carlos Pérez.


Un inigualable ‘all star’ cos mellores piragüistas de España e do mundo que completan outros olímpicos da talla de Antía Jácome, subcampioa do mundo e quinta nos Xogos de Tokio, e que formarán parte dunha lista de máis de 400 padexeiros de categorías Sénior, Sub 23 e Júnior pertencentes a tódolos equipos nacionais que acudirán á cita pontevedresa. A competición, a primeira proba estatal de distancias olímpicas que se disputa nesta tempada en K-1, C-1 e Paracanoe (1.000, 500 e 200 metros), servirá de selectivo nacional para asistir aos diferentes campionatos do mundo e de Europa.

O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e a Deputación Provincial, desenvolverase o sábado 23 de abril en horario de mañá e de tarde e o domingo 24 de abril pola mañá, incluíndo actos de entrega de premios para o 1º, 2º e 3º clasificado en cada modalidade e para o 1º, 2º e 3º club clasificado da Copa. A proba foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o presidente da Federación, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen asegurou que “tanto se se trata dun amante do piragüismo como dun absoluto lego neste deporte, ninguén debería perder o espectáculo que teremos a oportunidade de desfrutar en Verducido esta fin de semana, con carreiras cheas velocidade, potencia e explosividade e nas que estarán os mellores do noso país e, polo tanto, varios dos mellores do mundo”.


“A maior concentración de medallistas olímpicos da historia do concello de Pontevedra vaise producir no Pontillón do Castro esta fin de semana, o que supón unha magnífica noticia, como tamén o é, no que supón como motor económico para a cidade, a importante participación de padexeiros que estarán en Pontevedra. O piragüismo é un deporte estratéxico para Pontevedra, forma parte do corazón desta cidade do mesmo xeito que o río Lérez e o Pontillón do Castro”, subliñou Tino Fernández.


O edil socialista animou á cidadanía a achegarse ata Verducido “para desfrutar dun deporte cunha estética especial e un espectáculo fascinante, con probas en sprint cunha vistosidade fantástica”.


Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Piragüismo destacou que esta situación, con tan alto número de medallistas olímpicas, “non se estaba a dar nos últimos anos, xa que, en moitas ocasións, os deportistas do equipo nacional non estaban nos eventos de carácter nacional porque a Federación llelo permitía”, o que sería equivalente a que “os grandes clubs de fútbol non contasen coas súas estrelas porque están seleccionadas para ir coa escadra nacional”. “Pontevedra é a que, despois de moitos anos, vai provocar que si estean os mellores padexeiros de España e do mundo nesta competición”, apuntou Alfredo Bea.


Segundo avanzou, a Federación Galega agarda que, cara finais de xullo, se poida celebrar “o Campionato de España dos pequenos, infantís e cadetes”, un evento no que prevén superar os 1.000 padexeiros, “batendo o récord de participación de 2019”.