Yoya Blanco entrega os diplomas aos alumnos e alumnas participantes no Curso de Profesionais de Produtos Frescos organizado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración co Cegafor

46

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta mañá na sede do Centro Galego de Formación (Cegafor), na rúa Manuel Quiroga, o acto de entrega de diplomas á decena de alumnos e alumnas que completaron a parte teórica do Curso de Profesionais de Produtos Frescos impulsado polo Concello de Pontevedra a través do programa Iniciativa Local de Emprego (Iles). O alumnado terá agora, a partir do 25 de abril, a oportunidade de aplicar os coñecementos aprendidos coa realización de 50 horas de prácticas en empresas da cidade, en concreto, en Carrefour, Lago, La Abundancia e Frutas Nieves.


Ao longo das pasadas semanas, os participantes no curso adentráronse nun método estruturado que lles permitirá xestionar eficazmente a atención ao cliente e lles proporcionou un profundo coñecemento do seu posto para desenvolvelo con profesionalidade. A formación centrouse en comprender os principais factores de xeración de insatisfacción entre os clientes e os xeitos de resolver das posibles situacións complexas e conflitos; desenvolver ferramentas para superar ditas situacións, evitando así escenarios indesexables tanto para o profesional da organización como para os seus clientes dentro do hipermercado; xestionar correctamente e coa máxima eficacia a técnica telefónica; implementar un plan de atención ao cliente, e coñecer os diferentes tipos de carnes, peixes, embutidos, mariscos, froitas, verduras e pans que existen.


Asemade, os alumnos coñeceron as habilidades necesarias para o manipulado e colocación de produtos no punto de venda; aprenderon a manexar os posibles riscos específicos do seu posto de traballo e a empregar o sistema de etiquetado de produtos, e adquiriron coñecementos sobre a cadea de frío.


Yoya Blanco animou aos alumnos do curso a seguir formándose e insistindo na procura de emprego, “xa que o verán está ás portas e o mercado laboral abrirá aínda máis oportunidades”. A concelleira socialista tamén aproveitou a ocasión para preguntarlles aos presentes sobre o seu grao de satisfacción con esta formación e, ante súa boa acollida, comprometeuse a organizar novas edicións da mesma.