- A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, inaugura o itinerario, antesala do I Campionato de Tapas de Galicia, cunha degustación das receitas elaboradas por algúns dos locais da cidade que forman parte deste roteiro
- O evento impulsado polo Concello e a Academia da Tapa e do Pintxo de España inclúe a organización do I Concurso de Fotografía de Tapas de Galicia, con premios de 300, 200 e 100 euros para os autores das tres mellores instantáneas
Cunha degustación express das deliciosas receitas elaboradas por dous dos establecementos de hostalería da cidade que participarán no I Campionato de Tapas de Galicia, a Adega dos Avós e a Creperie Cre-Cottê, inaugurou esta mañá a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, a I Ruta de Tapas de Galicia. Os amantes da gastronomía en miniatura terán ata o vindeiro 1 de maio para ‘peregrinar’ por itinerario dos sabores, composto por medio centenar de restaurantes e bares das catro provincias e que servirá de antesala da competición rexional organizada polo Concello e a Academia da Tapa e do Pintxo de España (no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro), que acollerá a Finca Batacos entre os días 2 e 3 de maio.
Entre as tapas do Campionato que enchen de contido esta Ruta poden atoparse novas creacións, petiscos consagrados e auténticos emblemas dos locais participantes, achegando unha enorme variedade de ingredientes e amosando unha vez máis a imaxinación e innovación das e dos profesionais da cociña inscritos. Tal e como explicou Yoya Blanco, “desde hoxe ata o 1 de abril, os bares e restaurantes participantes no I Campionato de Tapas de Galicia terán nas súas barras o petisco que presentarán nesa gran festa da gastronomía rexional na que coñeceremos quen fai a mellor tapa da nosa comunidade”.
Esta Ruta supón un apoio concreto á hostalería galega, unha ferramenta de promoción para dar a coñecer novas propostas gastronómicas e darse a coñecer e aumentar as vendas. Entre o material promocional distribuído inclúense 100 manteis dun único uso, un cartel tipo pizarra para apuntar o nome do petisco e un cartel do Campionato en formato A3 para cada un dos establecementos.
Yoya Blanco amosouse entusiasmada co “pistoletazo de saída deste pioneiro itinerario do pracer gastronómico, que servirá de preámbulo do I Campionato de Tapas de Galicia e de cata popular das delicias que alí se presentarán”. Segundo subliñou a edil socialista, “xamais se tiña deseñado unha Ruta de Tapas tan extensa e ambiciosa, que nos permite viaxar por toda a comunidade degustando estas delicatessen da gastronomía en miniatura”.
“Convidamos a toda a cidadanía a volcarse unha vez máis coa hostalería, a achegarse ata as barras dos establecementos participantes, aproveitando para explorar novos locais, e a desfrutar dun plan inmellorable coa familia e os amigos”, sinalou a concelleira de Promoción Económica.
Esta Ruta de Tapas conta co respaldo de Estrella Galicia, Auga Cabreiroá, Makro, o CRDO Ribeiro e Carrefour, así como coa colaboración de Bodegas Lodeiros, LavAzza, Tartuflanghe e Maquichef. Tódolos locais estarán identificados con cartelería específica e o certame contará cunha ampla promoción en redes sociais a través das contas de Facebook e Instagram @pontevedracapitalgastro e @academiadelatapaydelpintxo.
A concelleira Yoya Blanco indicou que, na lista de bares e restaurantes inscritos, constan 17 da nosa cidade: ademais da Adega dos Avós e a Creperie Cre-Cottê, Raxería Lola, El Cafetín, Merluzateca, Causa Street Food, Meigas Fóra, Mar de Fóra, La Culpa de la Gula, Restaurante Alcrique, Restaurante Bocarte, Loaira Xantar, A Fervella, Arepa’s Gastro Bar, Delicious Food e Gumer.
Tapear e gañar é posible co I Concurso de Fotografía de Tapas de Galicia
Entre as novidades que trae consigo o evento impulsado pola Concellería de Promoción Económica e a Academia da Tapa e do Pintxo tamén se inclúe a organización do I Concurso de Fotografía de Tapas de Galicia, cuxo tema principal é a gastronomía en miniatura de Galicia en tódolos seus ámbitos, as tapas e os pinchos como seña de identidade e valor turístico-gastronómico.
As fotografías que se envíen deberán ter unha tapa ou un pincho, sempre acompañado cunha copa ou botella de cervexa Estrella Galicia, requisito imprescindible para que poida ser valorada polo xurado. As imaxes poderán realizarse desde calquera establecemento de restauración ou na ubicación que o participante crea conveniente. Poderá participar calquera persoa maior de 18 anos residente en Galicia e o prazo de presentación de instantáneas estará aberto ata as 00:00 horas do 30 de abril.
“A mellor fotografía -indicou Yoya Blanco- levarase 300 euros, o segundo premio será de 200 euros e o terceiro de 100. As bases do concurso poden consultarse na web municipal www.pontevedra.gal (https://www.pontevedra.gal/arquivos/2022/Bases-Concurso-Fotografia-Tapas-Galicia.pdf) e o xurado, formado por tres profesionais da fotografía de recoñecido prestixio e dous representantes da organización do Campionato de Tapas, seleccionará as obras gañadoras atendendo a criterios de creatividade e calidade técnica”.
Guía para participar no Concurso:
- Cada participante poderá presentar un máximo de cinco fotografías, sendo estas orixinais e inéditas e non téndose presentado con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso.
- As fotografías deben ser enviadas ao email foto@academiadelatapa.com, os participantes deben enviar os seus datos persoais xunto coas fotos: teléfono de contacto, dirección e conta de Instagram.
- As fotos non poderán ser alteradas electronicamente nin por calquera outro medio, non se aceptarán fotomontaxes. Permitiranse mínimas correccións de cor e luminosidade. En caso de dúbidas, o xurado poderá solicitarlle ao autor o arquivo Raw para a súa comprobación.
- As fotografías deberán ter un formato de 40×30 cm en Jpeg ou Tiff, unha resolución de 300 ppp e en RGB. As obras presentaranse indicando no arquivo o nome do autor e o número correlativo da imaxe.
O certame fotográfico conta co patrocinio de Estrella Galicia e a colaboración da Agrupación Fotográfica Galega.