A Concellería de Igualdade pon en marcha os contacontos ‘Somos iguais. Contos pola Igualdade’ para os nenos e nenas de Infantil e diversos obradoiros de Igualdade para o alumnado de Primaria e Secundaria

22

No marco do programa deseñado arredor do 8M, Día Internacional da Muller, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra acaban de poñer en marcha dúas accións destinadas a formar en valores e actitudes de igualdade ao alumnado dos centros educativos do municipio. Esta mesma semana, o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco celebrou nos CEIP A Xunqueira II e Álvarez Limeses as primeiras sesións dos contacontos ‘Somos iguais. Contos pola igualdade’, destinados aos nenos e nenas de Educación Infantil e que proseguirán o luns 25 de abril no CEIP Cabanas (Salcedo), o martes 26 no Manuel Vidal Portela, o venres 29 no Daría González, o luns 2 de maio na EEI de Verducido, o martes 3 no CEIP San Martiño, o mércores 4 no CEIP de Campañó, o xoves 5 no CEIP Santo André de Xeve, o venres 6 no CEIP Vilaverde, o martes 10 no CEIP Froebel, o mércores 11 no CEIP Barcelos e o xoves 12 na EEI Fina Casalderrey.


“Un rotundo éxito de convocatoria que, ademais de facer que nos sintamos moi felices sobre o nivel de implicación e concienciación existentes sobre a importancia que a educación ten na erradicación do machismo, traducirase na repetición destes contacontos impartidos pola sensacional Raquel Queizás”, asegura Yoya Blanco.


Asemade, a Concellería e o CIM retomarán a vindeira semana nos CEIP Ponte Sampaio (mércores 27 de abril), Cabanas, Daría González (xoves 28) e Campañó (venres 29) os obradoiros de igualdade ‘Libres de estereotipos’ e ‘Machismo Game Over’, dos que tamén se desenvolverán sesións nos colexios Vilaverde (venres 6 de maio), A Xunqueira I (martes 10) e Santo André de Xeve (mércores 18). Tal e como sinala a edil do PSOE, “este venres comezaron tamén no instituto Valle Inclán os obradoiros de igualdade ‘Hackeando ao machismo a golpe de likes’ e ‘Igualdade nos tempos de Tik Tok’, orientados a alumnado de Secundaria e que continuarán o luns 2 e o martes 3 de maio no IES Torrente Ballester e o 8 de xuño no IES A Xunqueira I”, estando previstas sesións dos talleres ‘Buzón Vermello’ e ‘Non é non’, para estudantes de FP e Bacharelato, no CIFP Carlos Oroza e no IES Sánchez Cantón nos meses de maio e xuño (en datas aínda por determinar).


Yoya Blanco lembra que, á marxe destas accións formativas, Igualdade puxo en marcha o pasado mércores 20 de abril unhas charlas conxuntas coa Policía Local sobre detección e prevención das violencias machistas no Valle Inclán. “Están confirmadas máis sesións -avanzou a concelleira socialista- no IES Torrente Ballester para o martes 10 de maio, no IES Sánchez Cantón para o 14 de xuño e no IES A Xunqueira I en data por confirmar”.