A campaña de control de bicis e vmp amosa que “Pontevedra é unha cidade amable, ordenada e sen perigos por este vehículos”

11

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde informou que na campaña rexistráronse 34 denuncias das cales 30 foron por circulación en bicicleta e 4 por vmp sen ter en conta a Ordenanza de mobilidade amábel do Concello de Pontevedra.

A maioría por circular polas beirarrúas cando este vehículos teñen que circular pola calzada. 

A campaña de control de bicicletas e vmp celebrada entre o 4 de o 10 de abril amosou que “estamos nunha cidade amábel coa mobilidade en xeral, e hai convivencia entre peóns e bicis e vmp. Que hai unha minoría que por insolidariedade ou descoñecemento non cumpre a norma, por iso hai campañas, pero os datos conclúen que estamos nunha cidade amable, ordenada e que non hai perigo a este respecto”. Así resumiu a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde o resultado da campaña de control destes vehículos realizada pola Policía Local.

A concelleira explicou que chegaran ao Concello algunhas queixas de aumento de velocidade e de mal uso dos distintos espazos públicos da cidade (beirarrúas, plataformas únicas e espazos de convivencia) por parte de bicicletas e vmp “por iso consideramos oportuno facer esta campaña”.

Estivo centrada no cumprimento da Ordenanza de Mobilidade de Espazos Públicos da cidade, o uso destes vehículos ao respecto dos espazos da cidade, e non na velocidade de bicicleta e de vmp que serán obxecto das campañas de velocidade que poña en marcha a Policía Local nas vindeiras semanas, ao igual que para o resto de vehículos.

A campaña de control concluíu coa denuncia de 27 bicicletas e 3 vmp por circular polas beirarrúas. Eva Vilaverde lembrou que “se debe circular pola calzada e no mesmo sentido de circulación que os vehículos”. Ademais, puxéronse dúas denuncias por circular en bicicleta manipulando ou usando o teléfono móbil; unha por positivo en alcohol conducindo unha bicicleta e unha denuncia por circular dúas persoas nun vmp. Estas catro últimas até o día 19 deste mes.

As rúas con máis denuncias foron Benito Corbal, Loureiro Crespo, avenida de Bos Aires, Cobián Areal, Conde Bugallal e Doce de novembro.

No que vai de 2022 non houbo accidentes con bicicleta (agás unha caída dunha bici asistida) e 3 en vmp (un atropelo na beirarrúa, outro pola apertura de porta dun turismo e finalmente unha caída sen contacto).