A Concellería de Desenvolvemento Sostible completa a mellora e rehabilitación integral do parque de Valdecorvos

71

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata o parque de Valdecorvos, acompañado de veciños da zona e do xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar o excelente resultado das obras de mellora e rehabilitación integral que o seu departamento executou ao longo dos últimos meses. As intervencións realizadas pola firma Garocaprim SL supuxeron un investimento global de case 40.000 euros e contemplaron o arranxo e reposición de tódolos elementos de madeira existentes na súa rede de sendeiros, incluíndo a reparación de varios bancos (algúns foron substituídos), da pasarela principal que atravesa o regato e das principais escaleiras, tanto as que comunican o parque coa rúa Novo Prado como as que o conectan coa avenida de Lugo.


Os traballos tamén supuxeron a restauración dunha pasarela elevada máis ampla, a que discorre sobre pilotes e conecta o parque de Valdecorvos coa zona do Costado (ao norte). Tal e como indicou Iván Puentes, “as obras permitiron ademais renovar a totalidade das sendas e aplicar un pavimento especial nas zonas de maior pendente coa finalidade de eliminar os problemas que xeran as escorrentías: por unha banda, formigón de cor ocre que cumpre cos requirimentos paisaxísticos do contorno, e pola outra, xabre enriquecido con cemento (tamén en cor ocre) para reforzar o pavimento e incrementar a súa durabilidade”.


“Na zona na que se atopa a carballeira -apuntou o edil do PSOE-, un espazo que xa conforma un miradoiro natural cara á cidade, incorporáronse un banco e unha mesa con banco coa finalidade de convertela nunha área de descanso e referencia dentro do parque e de consolidala como miradoiro”.


Segundo precisou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, as obras de rehabilitación en pontes, pasarelas, escaleiras e outros elementos de madeira supuxo un investimento duns 17.000 euros, a mellora da pavimentación doutros 17.000 euros e a instalación de novo mobiliario duns 3.000 euros, polo que o orzamento global deste conxunto de actuacións se sitúa nos 37.000 euros.