O pavillón polideportivo do CEIPP San Bieito de Lérez estrea un pavimento deseñado para alta competición e homologado pola Fifa, a Fiba e a Ihf

185

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, visitou esta mañá o pavillón polideportivo do CEIPP San Bieito de Lérez para comprobar o resultado dos traballos executados pola empresa Mondo Ibérica SAU para renovar o seu pavimento cun firme deseñado para alta competición e homologado polas seguintes federacións internacionais: Fifa Quality Programme for Futsal Surfaces, Fiba Certificate of Approval for Sytnthetic Flooring Category, Competition Level 2, e Ihf Certificate of Approval for Synthetic Floorings. O edil socialista estivo acompañado pola directora do centro educativo, Montserrat Pose; o concelleiro ‘popular’ Martín Martínez; a presidenta da Anpa O Areeiro, Herminia Dios, e o xefe do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, quen explicou algunhas das melloras incorporadas, como a instalación de porterías anticaída (volven á posición orixinal sempre que non superen os 45 graos de inclinación).


O departamento que dirixe Fernández investiu unha achega de 53.583,91 euros deste pavimento de sistema Powerplay P1 prefabricado a base de caucho natural e sintético calandrado e vulcanizado, instalado sobre unha lámina estabilizadora e amortecedora feita de escuma de PVC expandida e reforzada con fibra de vidro (cun espesor total de 8 mm). Segundo apuntou o edil do PSOE, “este produto foi deseñado para a súa instalación en recintos interiores polideportivos de alta competición ou adestramento para deportes como baloncesto, balonmán, voleibol, bádminton e fútbol sala”.

“O resultado é excelente e permitirá que os alumnos do centro e os demais usuarios dispoñan dunhas instalacións de máxima calidade para a practica de diversas disciplinas. Grazas ás excelentes prestacións da lámina estabilizadora, o sistema instalado presenta unha óptima absorción de impactos para uso deportivo, quedando garantidas as máximas condicións de seguridade no xogo, e unha longa vida útil (ao tratarse dunha instalación de tipo flotante, non pegada á soleira)”, sinalou o tenente de alcalde.


As actuacións incluíron a sinalización das pistas de xogo, efectuando o trazo dos campos de xogo de acordo coas normativas das federacións deportivas e aplicando pintura especial de diferentes cores. O pavimento deportivo prefabricado empregado contén cando menos un 5% de caucho reciclado, libre de contaminantes e non provinte de pneumáticos usados, e aproximadamente un 10% de materiais renovables.