Concello e Deputación asinan o convenio para a remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos

54
O investimento do acordo entre as dúas institucións ascende á cantidade total de 2.071.876 euros que se corresponde co orzamento de execución da obra, financiada de xeito íntegro pola entidade provincial

A reforma permitirá unha revitalización da praza nas rúas que aínda non foran reformadas, ampliando as súas beirarrúas e ofrecendo un estándar superior de calidade urbana en toda a zona 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, materialización esta mañá de mércores, 27 de abril, a sinatura do convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións para levar a cabo as obras de remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos.

«Este é un convenio importante que ascende até máis de dous millóns de euros», sinalou a presidenta da Deputación. «Con esta sinatura, e aínda quedará algún convenio por asinar neste ano 2022, levamos 26 convenios asinados desde que comezamos a gobernar de xeito conxunto, no ano 2016. No primeiro mandato foron 14 convenios, que ascenden a 10,6 millóns de euros, e que teñen con ver con distintos eidos; neste segundo mandato, ata hoxe, levamos máis de 8 millóns de euros, distribuídos en 12 convenios. En total, a Deputación leva postos a disposición do Concello máis de 18 millóns de euros, algo que facemos con absoluta lealdade cara ao Concello de Pontevedra, respectando a autonomía local, decidindo o Concello onde se invisten e de que xeito. É un pracer firmar de novo hoxe outro convenio, máis aínda un convenio que mellorará a praza de Barcelos, de enorme valor para a cidade, e que só é a primeira fase da súa reforma».

O rexedor da cidade, pola súa banda, lembrou que esta primeira obra entra dentro dese proxecto global de rehabilitación de todo Barcelos, que comezará en breve coa reforma das vías perimetrais este e sur. «Neste momento é prioritaria a actuación neste sentido, e traerá unha mellor calidade de vida os veciños e veciñas da zona, pero tamén para toda a cidade, claro está», comentou Fernández Lores. «Estou convencido de que xerará un aumento da actividade económica e simplemente podo dicir que é moito máis doado gobernar unha cidade en colaboración con esta Deputación, planificando un modelo urbano e contar co seu apoio desde o minuto un. Están sen anos moi produtivos para a toda a cidade de Pontevedra».

Tal e como presentou e expuso no seu día o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, a obra terá un prazo de execución de 12 meses e mudará o aspecto de toda a calzada perimetral da praza de Barcelos. O deseño da nova vía perimetral está concibido para a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, polo que se redeseñou toda a circulación. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. 

No referente ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do aparcadoiro soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.